Skip to main content
A Pastoriza

O BNG lamenta que a Xunta “esqueza á Pastoriza” nos orzamentos de 2024

Por 3 Novembro, 2023Sin comentarios

O BNG da Pastoriza realizou unha valoración do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta de Galicia para 2024, que están na fase de tramitación no Parlamento Galego.

A través da concelleira Elva Carrera, o BNG sinalou que se trata duns orzamentos que “unha vez máis, esquecen as necesidades da Pastoriza e abandonan as infraestruturas e servizos básicos”.

“O goberno amigo é castigado pola Xunta e tamén o fai cos veciños da Pastoriza porque non hai ningunha actuación prevista no Concello tras facer críticas ao anterior goberno dende a oposición, e todo o prometido polo actual equipo de goberno lévao o vento e queda en nada porque non se ve plasmado en ningunha partida orzamentaria: dende o Centro de Día, as depuradoras que tan criticadas foron sendo oposición, a ampliación do parque empresarial, as rotondas de acceso ao Colexio de Bretoña e xeriátrico ou o arranxo de estradas” declarou Carreira.

En definitiva, “podemos ver que as reunións e fotos co delegado do goberno nas rotondas anunciando obras serviron unicamente de propaganda; así como a continua crítica ao funcionamento das depuradoras municipais, xa que seguen sen aparecer por ningún lado os recursos para ditas actuacións” afirma a concelleira.

A concelleira nacionalista sinalou que “son os orzamentos dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer á Pastoriza nin a este País”. Neste sentido, o BNG adiantou que aproveitará toda a tramitación parlamentaria para “presentar alegacións que recollan as necesidades da Pastoriza que melloren no posible os orzamentos da Xunta para 2024, demostrando que o BNG ten un proxecto político no que a poboación da Pastoriza conta.”