Skip to main content
A Pastoriza

O BNG reclama o control do verme soldado, que xa foi detectado na Pastoriza

Por 13 Novembro, 2023Sin comentarios

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza Carme Aira denuncia a importante e sorprendente presenza de vermes soldado que ameazan cultivos e praderías. “Lugo é unha provincia eminentemente rural, onde as praderías son moi importantes para alimentar a cabana bovina. Esta praga esta a estenderse por toda a provincia chegando á Pastoriza, un concello eminentemente gandeiro, dende a Mariña”, explica a deputada.

“O Goberno da Xunta non estableceu ningunha medida específica porque non o considerou unha praga, senón que o achacou a un Outono extremadamente cálido e que co arrefriamento das temperaturas presuntamente rematara o problema” expón.

Os danos foron moi importantes e afectan, sobre todo, á gandería extensiva dedicada á produción cárnica e á de leite de pastoreo. Estes danos víronse agravados por non haber ningún produto fitosanitario autorizado para botar sobre o pasto o cal permitiu que se reproduciran ao calor do outono. A estas alturas chegou a diminución de temperaturas, a potencialidade reprodutiva da especie está anulada, algúns dos vermes morrerían, outros terán pasado a pupa par hibernar e logo na primavera converterse en avelaíñas para volver comezar o ciclo.

“O próximo ano descoñecemos como se desenvolverá o clima, pero o que si temos seguro é que o máis probable é que haxa máis individuos sobreviventes que outros anos e que se poida converter en praga, ou que sin selo volvan afectar de novo aos mesmos pastos.” explica a deputada nacionalista

Por iso o BNG a través da súa deputada Carme Aira solicitara á Xunta de Galiza que faga unha avaliación dos danos sufridos polos pastos nas zonas afectadas monitorizando a súa recuperación establecendo unha liña de axudas para paliar as perdas ocasionadas por este ataque, tratar co Ministerio a autorización de produtos químicos e/ou biolóxicos para a loita desta praga e artellar mecanismos para o ano que permitan a detección do incremento de exemplares de avelaíña que poidan indicar un novo ataque para o ano.

“Debemos evitar que esta praga se siga estendendo e se converta nun novo problema para o noso rural xa bastante abandonado por este goberno da Xunta de Galiza” concluíu Carme Aira