Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

O BNG pon de manifesto a “necesidade dun bo servizo de transporte” en Pol

O BNG, a través da deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Carme Aira, denuncia mediante unha batería de preguntas no Parlamento Galego a situación do transporte que se vive en Pol, concretamente no referido ao transporte para xuventude que cursa estudos non obrigatorios.

O concello de Pol, que está atravesado pola estrada nacional N-640 que comunica Lugo-Meira e as estradas autonómicas LU-750 e LU-760, que posibilitan a comunicación do interior de Pol coa capital da provincia, “padece a insuficiencia nas liñas de transporte”, explica a deputada.

Unha rapaza do barrio de Aldea de Milleirós, concretamente, debería coller a parada fronte á igrexa, a 300 metros da casa, “pero ten que desprazarse a 3,5 km ata o cruce de Rioxoán para coller o bus ás 7.15 horas da mañá e o mesmo á volta”, explica.

“Servizo fundamental”

Así, Carme aira defende que o transporte público “debe ser un servizo fundamental que as administracións públicas deben ofrecer á cidadanía polo seu carácter vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade, e este servizo resulta fundamental cara a unha maior sostibilidade ambiental, reducindo o maior porcentaxe posible das emisións de CO2 á atmosfera e gañando calidade contra o cambio climático”, sostén.

Por isto, a deputada mostrou o seu convencemento de que isto será posible “se logramos diminuír o uso do vehículo particular”, e para conseguilo, a cidadanía debe poder dispoñer “dunha rede de transporte público extensa, con numerosas frecuencias e o máis consolidado posible”.

“A Xunta de Galicia ten que garantir poder cursar os seus estudos postobrigatorios no sistema público de ensino”, sen ter que sufrir unha discriminación por orixe e sen ter que renunciar aos estudos que desexan cursar”, conclúe Carme Aira.