Skip to main content
As Pontes

O persoal de Einsa logra na concentración das Pontes a implicación dos concellos

Por 10 Novembro, 2023Sin comentarios

Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print concentráronse este xoves diante da casa do Concello das Pontes, coincidindo coa reunión mantida polo comité con todos os grupos desta corporación municipal e máis do Concello de Pontedeume. Este encontro encádrase na rolda de contactos que está a realizar o persoal para exixir a implicación das administracións na busca dunha solución aos 154 despedimentos que a empresa pretende aplicar na planta das Pontes.

Ademais, no salón de plenos municipal, celebrouse unha reunión entre o comité de empresa de Einsa Print, representantes das seccións sindicais (UXT, CC.OO e CIG), os portavoces dos grupos políticos con repesentación nos concellos das Pontes e Pontedeume, a concelleira de emprego de Pontedeume, a concelleira de Industria das Pontes e os alcaldes das Pontes, Valentín González Formoso, e de Pontedeume, Bernando Fernández.

Tras expoñer a situación de incerteza na que se atopa o persoal da empresa e a falta de información que poida facilitar alternativas que garantan o mantemento da actividade e o emprego tras o anuncio de proceder ao despedimento de 162 traballadores, acordouse solicitar á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, a convocatoria con máxima urxencia para coñecer a intención da empresa no mantemento da actividade e explorar as posibilidades de manter o emprego, a futuro, nas instalacións de ambos os municipios.

AS DEMANDAS

O presidente do comité, Daniel Pena (CIG), demandou unha fronte común na defensa da continuidade dos empregos e da actividade produtiva nas instalacións de Penapurreira, e que dende os Concellos interpelen a empresa para que aclare cal é o seu proxecto de futuro “pois o único plan de viabilidade que nos entregou son os despedimentos”. Neste sentido, dende as corporacións locais ofrecéronse a contactar coa Consellaría de Industria e o Ministerio para manter unha xuntanza entre todas as partes para abordar a situación.

Hai que lembrar que Einsa recibiu millonarias subvencións ao abeiro dos plans de reindustrialización tras o peche da mina, polo que as administracións “non poden consentir que os despedimentos sexan a súa única alternativa”.

Segundo confirmou a empresa (do sector de artes gráficas) na reunión deste mércores, o ERE suporía o despedimento de 154 traballadores/as da planta das Pontes, dun cadro de persoal formado por 227 persoas; é dicir a afectación chega ao 67%. “Un durísimo golpe ao emprego para a localidade”, subliñou Pena, quen reclamou un plan de futuro que non pase pola redución dos postos de traballo.

Na próxima reunión do período de consultas, a representación social reclamaralle á empresa que explique a estrutura que deixan na planta das Pontes, tendo en conta que, de materializarse o ERE, “o persoal que ficaría non sería suficiente para captar nova clientela ou mellorar os procesos produtivos. De feito, segundo o manifestado polos avogados de Einsa, a pretensión é unicamente conservar os clientes cos que levan traballando máis de tres anos e prescindir do resto. Unha decisión que compromete calquera garantía de mantemento da actividade no futuro”.

Por iso, dende o comité reiteran a necesidade de implicación das administracións para evitar esta “desfeita laboral e que se revise o uso que a empresa fixo dos máis de 50 millóns de axudas públicas que recibiu nestes anos”.

A CIG denuncia que a decisión de Einsa, xunto ao peche da central térmica sen alternativas industriais e os ERE de MAESA e JOFRA SA, evidencia “que a transición xusta nas Pontes non existe, senón que estamos ante un proceso de demolición ao que se suman incluso aquelas empresas que foron buque insignia das subvencións e dos famosos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra, como é o caso de Einsa, ao abeiro das que recibiu suculentas axudas para mercar chan industrial, montar as naves e contratar persoal”.