Skip to main content
As Pontes

Os propietarios de terreos das Fragas do Eume manifestaranse de novo o 17 de decembro

Por 29 Novembro, 2023Sin comentarios

As dúas asociacións que agrupan a boa parte dos propietarios de terreos no parque natural Fragas do Eume protagonizaron este domingo unha nova acción reivindicativa (transitando a pé, ataviados con pancartas e camisetas pola estrada que une os municipios de Pontedeume e Cabanas, durante dúas horas) en sinal de protesta pola aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX), que contou coa luz verde da Xunta “con falta de diálogo e consenso”.

Demandan ao goberno autonómico “prezos dignos” para as súas parcelas (que se estenden polos municipios de Cabanas, Pontedeume, Monfero, A Capela e As Pontes) e compensacións xustas. A presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento, Ángeles Pita, mantivo recentemente un encontro con responsables da Consellería do Medio Ambiente para demandar a ampliación da partida destinada á compra de terreos.

Desde o colectivo preparan xa unha nova protesta, que terá lugar no mesmo lugar o próximo 17 de decembro.