Skip to main content
Vilalba

A Banda de Música de Vilalba honra a Santa Icía este sábado

Por 14 Novembro, 2023Sin comentarios

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) está a ultimar o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha cita que terá lugar este sábado 18 de novembro ás 20:00 horas do serán no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.

A banda presentará un programa de cinco pezas, das cales catro son de compositores norteamericanos e unha dun compositor belga cunha clara influencia da música jazz. Trátase  integramente de repertorio orixinal para a formación no que a banda abordará desde a música popular ata o sinfonismo e no que se escoitarán temas tan coñecidos como Mambo ou Somewhere do musical levado á gran pantalla West Side Story.

Nesta ocasión, a Banda de Música de Vilalba estará acompañada do cuarteto de saxofóns Essenza Quartet, integrado por alumnos e ex alumnos do Conservatorio Superior de Música da Coruña e do que forma parte Esteban Cabana, membro da banda desde os seus inicios no mundo da música. Interpretarán unha peza para cuarteto de saxofóns e banda na que amosarán o seu virtuosismo e a súa vis cómica.

Unha noite en América

Asemade, e como vén sendo habitual, cada concerto da banda vén acompañado dun novo episodio de O Podcast da Banda, o proxecto radiofónico propio que a asociación vén mantendo dende case un ano.

O novo capítulo, titulado “Unha noite en América”, e que sirve como presentación das pezas do concerto, xa se pode escoitar nas plataformas iVoox e Spotify.

As entradas, totalmente gratuítas, xa se poden reservar na páxina de entradasvilalba.es ou presencialmente na Casa da Cultura de Vilalba.