Skip to main content
Barreiros

O PSOE provincial avanza que Besteiro cumprirá con Barreiros e dotará ao concello dunha nova Edar en San Miguel de Reinante

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

Os socialistas da provincia subliñan o compromiso investidor do Goberno de Pedro Sánchez co concello de Barreiros, que se materializa en actuacións determinantes para o municipio mariñao, como a recuperación do sistema dunar e dos acceso das praias de Arealonga e Valea que está acometendo cun orzamento de 900.000 euros. Así mesmo, o Executivo central liderado polo PSOE ten en fase inicial a creación do novo apeadoiro en San Cosme de Barreiros, tras o anuncio de Adif, que someteu a exposición pública o proxecto de construción da nova configuración de vías e plataformas no tramo Ortigueira-Barreiros, e que tamén recolle a creación de novos apeadoiros en O Barqueiro e As Catedrais.

“Os socialistas sempre traballamos dende as institucións nas que gobernamos por dotar de máis e mellores infraestruturas e servizos públicos aos veciños e veciñas, atendendo ás súas necesidades e demandas, como estamos demostrando dende o Goberno central e como faremos tamén dende a Xunta de Galicia cando Besteiro sexa o presidente”.

O PSdeG provincial avanza deste xeito que Besteiro cumprirá con Barreiros e dotará ao concello dunha nova Edar en San Miguel de Reinante, unha reivindicación que os socialistas levan facendo de maneira constante dende hai unha década, pero que o Goberno do PP na Xunta nunca atendeu. De feito, o PSdeG leva presentando ano tras ano no Parlamento emendas aos Orzamentos autonómicos solicitando as partidas suficientes para construír esta infraestrutura vital para o concello, e sempre foron rexeitadas polo PP.

A falta da Edar provoca continuas sancións polos vertidos á praia de Arealonga, que, de feito, está pechada en parte ao baño, e ocasiona danos medioambientais nefastos nunha zona que ademais ten catro proteccións ambientais. Augas de Galicia redactou no ano 2009 un proxecto técnico para a construción da estación depuradora, que revisou no 2018, aínda que a Xunta de Galicia nunca deu ningún paso para materializalo, o que si fará o PSdeG, recalcan os socialistas, cando Besteiro lidere o Goberno galego.