Skip to main content
Mondoñedo

Máis dunha vintena de propostas para este Nadal en Mondoñedo

Por 10 Decembro, 2023Decembro 11th, 2023Sin comentarios

Mondoñedo pon en marcha un ano máis a súa programación especial para estas datas de Nadal, que contempla máis dunha vintena de propostas.  As actividades que xa comezaron o venres 1 de decembro coa inauguración do alumeado e dos espazos de Nadal seguirán durante todo o mes.

O xoves 21 de decembro terá lugar, no Auditorio Municipal, o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música O Pallarego de Mondoñedo. Pola súa parte, os máis cativos poderán aprender xogos populares o venres 22. A actividade, que comeza ás 17.30 horas, será na Praza de Abastos. Nesta mesma data, Son da Corda ofrece o concerto  Na Casa Deles ás 20.00 horas. No Auditorio Municipal Pascual Veiga poderán gozar de Poemas de Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xoán Cabana, Luís Pimentel e Lorenzo Varela.

O 23 de decembro é a quenda da Papanoelada Moteira do Motoclue Ruta N-634. A actividade comezará ás 16.00 horas na Praza da Catedral, aínda que se poderá trasladar ao pavillón en caso de choiva, e contará con inchables e chocolatada. Nesta xornada, tamén se inaugura o Belén da Catedral de Mondoñedo con pregón, actuación musical, toque de campás e bendición do bispo.

Teatro e contacontos

O día de noiteboa, as familias teñen unha cita na Casa da Xuventude coa peza teatral ‘A viaxe feliz de Ramón San Fiz’ que Fantocges Baj. poñerá en escena a partir das 12.00 horas. A Asociación O Pasatempo encargarase de achegar o contacontos A Apalpadora no Auditorio Municipal ás 17.00 horas.

O día 26 a Catedral acolle o Concerto Panxoliñas no Camiño da manda da Asociación Sendeiriña a partir das 20.30 horas. O venres o teatro volve ser o protagonista. A compañía de teatro O Bordelo presenta a obra ‘O covid do Mariñán’ no Auditorio Municipal ás 20.30 horas.

O sábado 30 o Apalpador coñecerá a todos os cativos, comezando a súa visita na Praza do Concello ás 17.30 horas. A partir das 20.00 horas, o Centro Cultural Santa Emilia acolle o concerto Xóvenes Talentos. Os interesados xa poden facerse coas súas entradas a través da web ou da Oficina de Turismo.

Maxia e cabalgata

O último día do ano, a partir das 00.30. horas a veciñanza poderá gozar do Baile de Noitevella no Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo. A programación de xaneiro comeza o martes 2 ás 18.00 horas co Concerto de Aninovo da man do organista Joaquín Perdomo Moreau na Catedral da Asunción. O mércores 3, o Mago Roberto Lolo achega o seu espectáculo Magic Reel na Praza de Abastos a partir das 18.00 horas.

O día 5 a partir das 10.00 horas os Reis Magos visitarán as parroquias do Concello e ás 18.00 horas será a cabalgata dende a Alameda dos Remedios. As súas maxestades percorrerá as rúas de Mondoñedo ata chegar ao Auditorio Municipal para recibiri aos nenos e nenas con agasallos.