Skip to main content
Mondoñedo

Os socialistas de Mondoñedo piden ao PP “pechar os seus chiringuitos como o ximnasio ou o campus de básket”

Por 4 Decembro, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Mondoñedo rexeitaron na sesión plenaria, celebrada o pasado 30 de novembro, os orzamentos do PP para o 2024. Advirten que estas contas “só serven para tapar fochancas e non teñen unha folla de ruta coas prioridades que demanda a veciñanza de Mondoñedo”.

Segundo se desprende do orzamento o montante total ascende a 3.814.618 euros, o que supón un aumento de preto de 39.000 euros con respecto ao 2023. “Temos que dicir que non é unha cifra para tirar foguetes. Hai que lembrar que os gastos de persoal supoñen o maior montante un 62% do total do orzamento, concretamente son 2.374.261 euros”.

Dende o PSdeG “saudamos a rectificación por parte do PP no relativo aos gastos de publicade e propaganda do Concello, xa que se recortan con respecto a anualidade anterior. Está ben recoñecer os erros aínda que sexa tarde. Nesta anualidade o montante total dese investimento (incluíndo publicidade e propaganda e atencións protocolarias), suman un total de 61.100 euros. Estaremos pendentes por si se amplían estas cifras”, advirten. Neste punto remarcan que “a partida de  fomento de emprego do concello de Mondoñedo é de 49.733 euros, para que comparen as prioridades do PP”.

No que atinxe ao apartado de inversións do Concello “é o dos máis pobres que se lembra, xa que son inversións que proceden por unha banda do Plan Único da Deputación de Lugo e tamén do PEIM. Dúas achegas económicas ás que ten dereito os 67 concellos da provincia. Tal e como comprobamos, parece que non hai interese por atraer proxectos a Mondoñedo por parte deste goberno”.

E por iso dende o PSdeG preguntámonos “como vai dar resposta este goberno ás demandas que nestes intres ten a veciñanza de Mondoñedo?. Tódolos días entran no rexistro peticións para arranxos varios, vías municipais, limpezas de fincas, adecentamentos de parques e espazos publico. Cal é o proxecto do PP para Mondoñedo?. Nosoutros entendemos que este non é o camiño para facer fronte as demandas da veciñanza. Gobernar só para tapar fochancas sen ter marcada unha folla de ruta coas prioridades do noso concello”, replican.

Os socialistas de Mondoñedo suxiren ao Goberno do PP de Mondoñedo “que comecen a pechar chiringuitos como o ximnasio, preto de 1.000 euros ao mes, agora pide non pagar o recibo da auga.  Un local que non reúne as mínimas normas de accesibilidade, e que non conta nin con duchas nin baños adaptados. Entendemos que o favor xa durou bastante”. Tamén aludiron a outros proxectos que promove o PP como o campus de básket. Unha iniciativa na que o PP gasta máis de 18.000 euros, “a única finalidade é pagar para que veñan doutras comunidades a xogar ao baloncesto, e usar as nosas instalacións deportivas, non ten sentido. É un auténtico despilfarro. Como tampouco ten sentido gastar máis de 20.000 euros nun corto. Sempre está ben colaborar e participar nos proxectos, pero entendemos que cunha colaboración máis simbólica. Un concello non está para financiar filmes”, argumentan.

Ademais lembran a criticas que realizaron sobre o mantemento das piscinas municipais, na que evidenciaron o custe desproporcionado do mantemento desta infraestrutura pública, “no que se presentou un orzamento de 12.000 euros, o que supón que se quintuplica os seus gastos”. O Concello de Mondoñedo destinaba ao persoal responsable deste complexo deportivo un soldo que non superaba os 1.200 euros brutos mensuais, “e con ese orzamento ocupábase das piscinas, do campo de fútbol e o pavillón, ademais doutros traballos extraordinarios. Pero agora coas contas do PP, só a xestión das piscinas ascenden a 12.493 euros no verán. A cifra parécenos un autentico escándalo, e unha autentica tomadura de pelo á veciñanza”.

“Por iso entendemos que é imprescindible e prioritario sacar adiante e de xeito urxente a convocatoria para estabilización temporal e a darlle unha volta a RPT. Temos un déficit de persoal enorme, non podemos seguir subcontratando  a parentes e amigos. Hai que convocar xa”, afirman os socialistas.

Outra conta que lles pareceu sorprendente “é un factura relacionada cun concerto celebrado en Ourense, concretamente no Carballiño, e que ascende a 6.000 euros. Si vamos a pagar un concerto polo menos que se celebre no noso concello. E insistimos, quen se comprometeu a pagar esa factura que o faga”, xa que é do ano 2022.

Os socialistas tamén advirten doutros gastos do Concello de Mondoñedo “que non responde a ningunha das prioridades da veciñanza. Como por exemplo a adquisición dun elevador portaféretros ou unha carretilla elevadora usada para o cemiterio municipal. Entendemos que o único que precisa o cemiterio é un enterrador, eso é prioritario”, remarcan dende o PSdeG. “Con todos estes recortes que presentamos xa chega para asfaltar varias pistas en Argomoso, que lles fai moita falta, por poñer algún exemplo”, sinalan.

Mensajeros de la Paz

Tamén interpelaron ao Goberno local para coñecer a postura do PP en relacións ás peticións de Mensajeros de la Paz, entidade que se ocupa do Asilo de Mondoñedo xa que solicitou ao Concello, unha axuda directa de 10.000 euros, así como unha rebaixa no canon da auga. “Na sesión plenaria informáronnos que non van a realizarse ningunha das dúas peticións”.

“Este goberno ten que coordinarse, ten que traballar, planificar, escoitar á veciñanza. Ten que parar de devolver subvencións, e estar encima dos proxectos.Tamén deben visitar as parroquias e coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza e do Concello. Todo isto nos parece urxente e prioritario”, subliñan os socialistas de Mondoñedo.

Homenaxe a Vizoso

O Grupo socialista preguntou pola situación na que atopa as convocatorias dos procesos de consolidación e estabilización de emprego do Concello, e dende o PP sinalaron que polo de agora sigue paralizada e aínda non se puxeron en contacto coa Deputación de Lugo para convocalos. Tamén se interesaron “por unha inspección realizada polos servizos sociais da Xunta de Galicia ao Concello na que se constatan incumprimentos como por exemplo, que non se cubriron baixas do servizo, e que a entidade conta cunha lista de agarda de 4 persoas dependentes que están pendentes de asignación de recurso, a pesar de que o concello conta con 376 horas dispoñibles para a atención destes usuarios. Ou que 10 auxiliares rotan en cada domicilio as fins de semana. Nesta inspección da Xunta advírtese que os feitos constatados poden ser constitutivos de infraccións en materia de servizos sociais, tipificadas nos artigos 80 e seguintes da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. E por ultimo, interesámonos polas xestións para colocar un mural homenaxe ao artista Xosé Vizoso no entorno da Praza do Seminario”.

Control de circulación na saída do Colexio Álvaro Cunqueiro

Nesta mesma sesión plenaria demandaron a través de varios rogos que se renoven e reformen os baños da Alameda dos Remedios, para que poidan ser utilizados con tódalas garantías de seguridade e accesibilidade. Na medida que se poida que se poden as árbores do Campo dos Paxariños e do Barrio dos Muiños. Así como un maior control de circulación na saída dos vehículos na zona do Colexio Álvaro Cunqueiro, concretamente no entorno da rúa Vilalba cando rematan as clases.