Skip to main content
A Pontenova

Félix Rodríguez de la Fuente, Jara y Sedal e Nacho Rojo terán unha Pedra de Honra na 44ª Festa da Troita

Por 2 Decembro, 2023Decembro 3rd, 2023Sin comentarios

Os organizadores da 44ª Festa da Troita do Concello da Pontenova, declarada de Interese Turístico Galego e de Interese Turístico Deportivo Nacional, seguen informando das novidades da vindeira edición.

Así, comunicaron que adxudicaron as Troitas de Ouro da Festa da Troita da Pontenova 2024 a Odile Rodríguez de la Fuente, pregoeira 2024; á Semana Internacional de la Trucha, Junta de Castilla y León; e a Roberto Fernández Rico, alcalde de Ribeira de Piquín.

Na mesma reunión acordaron a adxudicación das Pedras de Honra 2024 no Paseo da Pesca da Pontenova a Félix Rodríguez de la Fuente, Jara y Sedal de TVE e a Nacho Rojo, Movistar +.

PARTICIPANTES

Fai unhas semanas sinalaron a Odile Rodríguez de la Fuente, filla do divulgador ambientalista Félix Rodríguez de la Fuente, como a pregoeira, e tamén confirmaron a presencia e participación no Concurso de Pesca do campión Pablo Castro Pinos, El Bombero. Castro xa gañara o Concurso de Pesca hai uns anos e ten no seu poder a Troita de Ouro da festa polo seu excelso palmarés como deportista.

“Sen dúbida, a participación deste campión mundial e quizais o competidor máis mediático de toda España, será un atractivo máis para os pescadores e para os medios que se acheguen á Pontenova o ano que ven”, din dende a CIT, colectivo organizador.

O programa decano da caza e da pesca a nivel nacional, Jara y Sedal de TVE, tamén confirmou a súa presenza na Festa da Troita de 2024. “Sempre é un pracer recibir o fantástico equipo deste prestixioso programa que leva en antena máis de 30 anos”, engaden dende a CIT.

Como xa fixeron hai anos cun especial de pesca no río Eo, “seguro que nesta ocasión tamén saberán divulgar a importancia da cultura ribeireña, os valores que atesoura o río Eo e a importancia da pesca e da Festa da Troita para A Pontenova e comarca”, sinalan.

Finisterre Fly Fishing de Suso Vilar e Tornos Rol de Jordi Oliveras estarán tamén na festas acompañados das súas firmas que doarán unha cana de bambú do artesán Suso Vilar e dous Tornos Rol de montaxe de moscas.

A cana e os tornos sortearanse entre todos os pescadores que participen nos concursos de pesca e terá lugar no Auditorio despois do xantar, durante a entrega de premios.