Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro pide ao Goberno local que recoñeza ao Viveiro CF polo seu centenario coa distinción de honra

Por 20 Decembro, 2023Sin comentarios

O PP pide ao Goberno local que se recoñeza a traxectoria do Viveiro Club de Fútbol polo seu centenario coa distinción de honra que marca o regulamento do Concello. Segundo explica a voceira Mariña Gueimunde, trátase dunha condecoración “máis que merecida” dada a relevancia histórica, social e deportiva que a entidade deportiva ten “e que foi demostrando ao longo de todos estes anos, sendo o berce  de moitos deportistas que se educaron nos valores do esforzo, a solidariedade”.

Os populares cren que a entidade local ten que corrixir o trato dado a este club, pois “dicir que, coa axuda de 15.000 euros da Deputación xa chega para por en valor o traballo desenvolvido a longo de tantos anos, parécenos un desprezo. O Viveiro é algo máis que isto. É toda unha institución para a cidade e mesmo para A Mariña”, remarca Gueimunde.

TRAXECTORIA IMPECABLE

O equipo viveirense é o segundo club da provincia de Lugo (tralo Ribadeo 1913) en acadar os 100 anos, e é un dos seis equipos de fútbol máis antigos de Galicia, despois do RC Deportivo de La Coruña , o RC Celta de Vigo, o Racing de Ferrol e o Rápido de Bouzas, entre outros.

Nacía o 23 de novembro de 1923, polo que, hai unhas semanas, cumpriu de xeito efectivo  o aniversario do centenario sen que por parte do goberno local se teña feito ningún acto institucional conmemorativo para “unha efeméride tan significativa para o deporte local”.

“O rico patrimonio cultural, deportivo, social e histórico do que pode enorgullecerse esta cidade merece ter un recoñecemento por parte da administración que nos representa a todos, que ten ademais que velar polo seu mantemento e conservación para que poida seguir sendo un referente para as xeracións futuras”, insiste Gueimunde, pois, engade, “o Viveiro CF é sen dúbida un representante dese rico patrimonio, un clube que con esforzo altruísta de moitos viveirenses, permitiu de maneira continuada ata os nosos días a práctica do deporte nesta cidade a moitas xeracións que se sentían e senten orgullosos de pertencer a unha sociedade deportiva que ven levando o nome de Viveiro por toda España”, afirma a popular.

Por este motivo, lamenta que o goberno local non recoñeza a importancia de ter unha traxectoria ininterrompida de cen anos; “todos sabemos do excepcional que resulta no mundo do deporte”, conclúe.