Skip to main content
Viveiro

A alcaldesa de Viveiro di que “o Concello abonará as axudas e subvencións que reciben anualmente”

Por 21 Decembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, informa de que “tal e como se lle explicou aos clubs deportivos en varias reunións que mantiven con eles desde hai días, o concello abonará as axudas e subvencións que reciben anualmente”.

“Tal e como explicamos en varias ocasións tanto eu como o concelleiro de Deportes, Eleazar José Rodríguez Abuín, o concello non tiña en ningún caso previsto retirar as axudas aos clubs deportivos da vila, que son unha prioridade para o goberno local”, explica Loureiro.

Os orzamentos municipais de 2024, que se debaterán en pleno o 28 de decembro, recollen as axudas do próximo ano e unha compensación polas que non se abonaron no 2023.

“Neste asunto, o único que pasou foi que non puidemos proceder ao abono das axudas de 2023 nas últimas semanas por diferentes cuestións e pagos urxentes que tivemos que afrontar, pero sempre insistimos en que atoparíamos unha solución”, afirma a alcaldesa.

Este concello colabora sempre cos clubs deportivos e coas actividades e os eventos que realizan, moi especialmente co deporte base.

O concello respecta a andaina deste venres pero non comparte o lema elixido, “xa que sempre apoiamos o deporte, con subvencións nominativas ou cando os clubs necesitaron a nosa colaboración para organizar campionatos ou eventos ”.

“Á marxe de posibles erros puntuais de xestión xa subsanados, o compromiso deste concello co deporte é firme e reitero que desde un primeiro momento aclaramos que as axudas se abonarían”, remata Loureiro.