Skip to main content
Comarca LUGOXAPedrafita

Besteiro anuncia para o 30 decembro a apertura da autovía A-6 dirección Madrid

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

O presidente da Comisión de Transportes no Congreso e candidato socialista á Presidencia da Xunta anuncia tamén a reapertura, esa semana, dun carril da A-6 en sentido á Coruña, trala reparación do noiro de Becerreá.

O presidente da Comisión de Transportes e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou esta mañá que o vindeiro 30 de decembro se reabre ao tráfico a autovía A-6 en dirección Madrid, tras finalizar a reconstrución dun dos viadutos do Castro entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce (León). A circulación recuperará así a normalidade neste tramo despois de intensificarse os traballos para restablecer a conexión de Galicia coa meseta. 

Besteiro destacou “o estrito cumprimento dos prazos, que evidencia o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia”, asegurando que “cumprimos o dito”. “Dunha forma rapidísima e con moitísima contundencia investíronse por parte do Estado 70 millóns de euros para recuperar de xeito urxente, rapidamente, o viaduto que colapsara hai aproximadamente pouco máis dun ano. Nun tempo récord recuperouse a conexión coa meseta e con Madrid”, dixo.

“Actuamos con celeridade para recuperar a normalidade neste tramo que conecta Galicia coa meseta, cumprindo cos prazos previstos para a reconstrución dos viadutos, cun investimento total de case 70 millóns de euros e garantindo as máximas condicións de seguridade para traballadores e usuarios, cun procedemento de reconstrución en paralelo que permitiu avanzar en tempo récord, dando unha resposta inmediata e dilixente”, explicou.

O 30 de decembro abrirase ao tráfico no sentido a Madrid tras a reconstrución dos viadutos pequeno e mediano neste tramo, coa finalización das obras de instalación do sistema de contención, as probas de carga e a sinalización e balizamento, entre outras cuestións.

A apertura da calzada sentido Madrid permitirá aliviar o tránsito de vehículos pola travesía de Pedrafita do Cebreiro, por onde actualmente se deriva todo o tráfico da autovía en ambos sentidos.

Dirección á Coruña

Ademais, estanse executando de forma paralela e coordinada os traballos correspondentes ás cimentacións de pilas do viaduto grande na calzada, sentido A Coruña. O tráfico permanecerá, nesta primeira fase de apertura, circulando pola autovía A-6 ata o quilómetro 428, no que se incorporará á N6 ata o 432, podendo neste punto reincorporarse de novo á autovía.

Os traballos no maior do viaduto “permitirán a apertura completa da circulación en sentido á Coruña no 2024”, engadiu.

O candidato socialista contrapuxo a eficacia do Goberno socialista coa incapacidade da Xunta de Rueda: “Nós fomos capaces de acelerar unha obra desta envergadura mentres que Rueda leva dous anos sen arranxar unha estrada derrubada e fundamental na montaña lucense: a LU-651 entre O Courel e Quiroga. Nin tan sequera ten proxecto técnico malia ser a principal vía de comunicación entre as dúas localidades”.

Ademais de non solucionar este derrubamento nun tramo de 200 metros (no punto quilométrico 18,3), recordou que “a Xunta ten pendente tamén o acondicionamento e ensanche desta estrada autonómica entre Folgoso e Seoane, que iniciou hai 14 anos”.
O abandono desta infraestrutura é, para Besteiro, “unha mostra máis do abandono do Partido Popular no rural da provincia de Lugo e de toda Galicia. No rural temos menos médicos, menos mestres, menos escolas e tamén menos infraestruturas. Todo o que toca Rueda vai a menos. Os galegos non podemos soportar outros 4 anos máis de PP”.

Unha idea na que abondou o presidente da Deputación luguesa, José Tomé Roca, que contrapuxo a eficacia do Goberno de España fronte aos “graves incumprimentos da Xunta de Galicia”. No caso da estrada entre Quiroga e Folgoso do Courel, recordou que foi una estrada que se fixo na etapa do presidente socialista Emilio Pérez Touriño e “en 15 anos está sen facer un só quilómetro desde Folgoso a Seoane. Non só iso -engadiu-senón que para cada tramo de dous ou tres quilómetros danse de prazo dous ou tres anos e a ese ritmo o Courel non estará comunicado entre si ata o ano 2050”. O presidente da Deputación tamén acusou á conselleira de Infraestruturas de pedir ós demais moitas explicación e non dar ela ningunha”.

Pola súa banda, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, amosou a súa “satisfacción porque non o críamos. Non podo crer que nun ano se teña feito una infraestrutura deste tipo nun terreo tan complexo. Falaban de que ían necesitar seis anos e que o día 30 se reabra parece imposible”.

A alcaldesa de leonesa de Vega de Valcarce, María Luisa González, insistiu nesta idea “non podíamos imaxinar, nin nos nosos mellores soños, que se vaia abrir o día 30 unha obra tan complexa e difícil”, declarou.

VALORACIÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou o anuncio do Goberno de España de abrir o vindeiro día 30 de decembro a A-6 en dirección Madrid, “cumprindo así coa provincia de Lugo e co conxunto de Galicia”, pois respéctanse estritamente os prazos marcados polo Executivo para acometer as obras de reconstrución dos dous viadutos do Castro entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce. Así o manifestou o mandatario provincial na supervisión este martes dos traballos dos viadutos.

O presidente da Deputación incidiu en que, mentres o Goberno do Estado “cumpre coa provincia e con Galicia”, a Xunta segue con “graves incumprimentos”, como é o “abandono” da estrada autonómica LU-651, no Courel. O Goberno galego aínda non arranxou, despois de case dous anos, o derrubamento que sufriu a vía entre Folgoso e Quiroga, e non construíu “un só quilómetro” entre Folgoso e Seoane.