Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Abre a academia do Emevé con 12 xogadoras dos primeiros equipos

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de deportes Efrén Castro visitou este luns a Academia do Club Voleibol Emevé Lugo na que residen 12 xogadoras dos equipos xuvenil, júnior e primeira nacional. Castro destacou a importancia da labor do club na aposta polo deporte de base e feminino, que a área de Deportes apoia como principal patrocinio institucional.

O centro residencial acolle a xogadoras galegas pero tamén de outras comunidades como Asturias, Extremadura ou Murcia, que buscan un maior nivel competitivo e xogar nun dos equipos referentes a nivel nacional. Esta academia acolle a mozas e mulleres, a partir dos 16 anos, que se forman e compiten da man do equipo sénior que xoga na Superliga.

Castro destacou o valor deste centro que “achega a xogadoras con futuro a Lugo para dar continuidade ao proxecto do Emevé. Porque esta iniciativa, que se inaugurou en setembro, permite que moitas xogadoras poñan o foco no equipo lucense co obxectivo de mellorar a súa capacidade e seguir medrando”. Destacou tamén o espazo co que contan “para adestrar e ter tempo de calidade, non só para o descanso”. Reafirmou así o compromiso da Vicepresidencia co deporte, especialmente co deporte de base e o deporte feminino.

A presidenta do Emevé, Bibi Bouzas, explicou que “como único club de España con dous equipos en Superliga temos que dar exemplo e comezamos este proxecto polo equipo feminino, facendo unha selección por criterio deportivo. O noso club conta cun 80% de fichas en competicións femininas e moitas das categorías teñen varios equipos, ademais do sénior que compite en nacional, que sempre dá máis oportunidades ás que veñen”.

Nesta tempada 2023/2024 o Club Emevé conta con preto de medio cento de equipos e arredor de 440 fichas de xogadoras e xogadores que abarcan dende a categoría de pre-benxamín. A academia, situada ás aforas de Lugo, conta con máis de 600 m2 e está rodeada dunha parcela de máis de 3.000 m2, no que gozarán de zonas de grellada, piscina, lavandería, amplos xardíns e todas as comodidades necesarias para que, acompañadas do persoal do club, poidan seguir progresando neste deporte.