Skip to main content
Becerreá

A Deputación reunirase coa Plataforma Pro Residencia de Becerreá

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de informar de que hoxe venres, 1 de decembro, recibiu por Rexistro unha solicitude de reunión por parte da Plataforma Pro Residencia de Becerreá. A institución respondeu de inmediato, nesta mesma mañá, convocando á plataforma a un encontro co Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, para o vindeiro luns, día 4, ás 12.00 horas, na Sala de Xuntas, data que foi aceptada polo colectivo.

Na reunión, a Deputación trasladará á Plataforma Pro Residencia de Becerreá, con total transparencia, o compromiso firme do Goberno provincial de poñer en funcionamento o centro residencial o antes posible e resolverá calquera dúbida que poidan ter ao respecto.

Informarase tamén de que nestes momentos a Deputación está pendente de que a empresa subministradora lle proporcione a autorización do engache á rede para dar por rematado o proceso de construción e instalación do Centro de Transformación para dotar do subministro eléctrico necesario á residencia. Posteriormente, procederá a contratar e a dotar ao centro dos medios e equipamentos necesarios (camas, mobiliario, cociña, lavandería, comedor, entre outros) para o seu funcionamento, cuxo coste superará o 1,5 millóns de euros, o que legalmente obriga a licitar en concurso aberto. A partir de aí, farase a selección e a contratación do persoal. Uns pasos que a institución provincial ten que dar co PIA, unha autorización preceptiva da Xunta de Galicia.

A Deputación de Lugo ten a firme vontade de cumprir co seu compromiso de poñer en marcha a residencia de Becerreá, igual que cos compromisos adquiridos co resto de concellos con proxectos en marcha ou como demostrou coa apertura de 6 residencias no pasado no mandato. De feito, a día de hoxe, ten 9 centros abertos, un construído pendente de equipar, 2 en construción e 6 en trámite, co que se completaría a rede de 18 residencias na provincia.