Skip to main content
Becerreá

A Deputación ratifica a súa vontade de abrir o CAM de Becerreá “o antes posible”

Por 4 Decembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, reuniuse con catro representantes da Plataforma Pro Residencia de Becerreá, onde lles ratificou a firme vontade do Goberno provincial de abrir o antes posible o Centro de Atención a Maiores da localidade. O deputado recibiunos coa maior inmediatez posible, pois pediron unha reunión o venres e ese mesmo día xa os convocou para hoxe, e explicoulles detalladamente e con total transparencia os pasos que deu ata o momento e os que dará para poñer en funcionamento a residencia.

Desta forma, Pablo Rivera trasladoulles que a Deputación está pendente de que a empresa subministradora lle proporcione a autorización do engache á rede para dar por rematado o proceso de construción e instalación do Centro de Transformación, que o dotará da subministración eléctrica necesaria á residencia.

O deputado lembrou que o proxecto presentado polo alcalde estaba incompleto porque non contemplaba o Centro de Transformación, polo que o actual Goberno provincial tivo que tramitar a redacción do proxecto de instalación deste equipamento, buscar consignación orzamentaria para acometelo por importe de 100.000 euros, e contratar e acometer as obras.

Unha vez que estea rematada a construción e instalación do Centro de Transformación, o seguinte paso será sacar a contratación pública os medios e equipamentos necesarios (camas, mobiliario, cociña, lavandería, comedor, entre outros) para o seu funcionamento, cun custo que superará os 1,5 millóns de euros. A partir de aí, detallou Rivera Capón, farase a selección e a contratación do persoal. Uns pasos que a institución provincial ten que dar contando co Permiso de Inicio de Actividade (PIA), unha autorización preceptiva da Xunta de Galicia.

O deputado recalcou que a Deputación de Lugo ten a vontade de cumprir co seu compromiso de poñer en marcha a residencia de Becerreá, igual que cos compromisos adquiridos co resto de concellos con proxectos en marcha ou como demostrou coa apertura de 6 residencias no pasado mandato. De feito, a día de hoxe, ten 9 centros abertos, un construído pendente de equipar, 2 en construción e 6 en trámite, co que se completaría a rede de 18 residencias na provincia.