Skip to main content
Becerreá

O PP de Becerreá renova a súa dirección

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

O PP de Becerreá renova a súa dirección elixindo a José Fernández Carrete como presidente da agrupación durante o congreso local que contou coa participación de membros da dirección provincial, deputados, senadores, alcaldes e portavoces dos concellos da zona.

“Este congreso é un novo paso para potenciar o noso proxecto político e de futuro para Becerreá. É unha etapa no camiño que nos ten que levar a ser capaces de articular entre todos unha alternativa ao actual goberno municipal”, segundo manifestou Carrete durante a súa intervención.

O PP de Becerreá cre nas posibilidades do territorio -situado nun marco natural incomparable- e defende o seu futuro “apostando polo sector primario e forestal baixo o prisma da diversificación e polo turismo de natureza”. Carrete tamén subliñou a necesidade de ofrecer servizos para asentar poboación: infraestruturas viarias, rematar a segunda fase do polígono industrial, fomentar o emprendemento e poñer en marcha a residencia de maiores que o PP reivindica da man dos veciños e veciñas. Igualmente, nomeou a importancia do “incremento da oferta formativa para os mozos e mozas na que a FP debe xogar un papel fundamental. Non debemos esquecer que a política debe estar ao servizo dos cidadáns e contribuír a mellorar a vida das persoas”, remarcou.

Becerreá é cabeza de comarca e, durante o seu discurso, o novo presidente do PP local subliñou que: “pensando en clave comarca, entendo que é necesaria a colaboración entre os concellos da Montaña e, a nivel político, entre as agrupacións destes concellos” porque “pertencemos a unha zona interrelacionada con moitos lazos, coas mesmas problemáticas e os mesmos retos”. Un deles é o “demográfico” ante o que aposta pola “discriminación positiva” por parte das administracións para tratar de “reverter a situación”. De feito, o  presidente confía nas súas oportunidades e traballará para que “cando falemos de Becerreá e dos Ancares sexa falar de futuro e non de resignación”.

Carrete agradeceu o traballo dos anteriores presidentes e equipos; así coma a confianza dos afiliados e simpatizantes nesta nova etapa na que presidirá a agrupación local “tendo claro que, en política, debemos priorizar o colectivo sobre o individual e que ser presidente é ser un afiliado máis” que debe estar á súa disposición “para o que decidan en cada momento”.

COMITÉ LOCAL

O presidente contará cun equipo renovado con xente nova e que conta tamén con persoas que forman parte dende fai tempo do proxecto político do PP de Becerreá. Así, o Comité de Dirección do PP de Becerreá complétase con Manuel González Vilela como secretario xeral e responsable de comunicación e organización e Pascual Fernández García como tesoureiro e responsable de mobilización. Os responsables de áreas serán: Rocío Fernández (Igualdade e Conciliación), Raquel Fernández (Cultura, Turismo e Deporte), Miguel Cela (Desenvolvemento Sostible e Forestal), Hilario Núñez (Xuventude, Asociacionismo e Paisaxismo), Paula Fernández (Política Social e do maior), Sonia Prados (Emprendemento), Silvia Santín (Educación), María Luisa Santín (Sanidade), Eulogio Díaz (Gandería e Recursos Naturais). Ademais, o PP de Becerreá contará con Gerardo Fernández como defensor do afiliado “en sinal de recoñecemento á súa fidelidade ao partido como a persoa de Becerreá que leva máis anos afiliada ao PP”.