Skip to main content
Becerreá

O PP consensúa coa plataforma pro residencia de Becerreá unha iniciativa para defender a súa apertura durante 2024

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

A decisión do goberno provincial de non incorporar partidas orzamentarias concretas para abrir durante o ano 2024 a residencia comarcal de Becerreá sentou moi mal entra os veciños do municipio e da montaña lucense, unha situación tamén denunciada polo Grupo Provincial Popular que defenderá unha iniciativa no pleno de decembro na procura do compromiso do pleno para acadar a súa apertura durante o vindeiro ano.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, e o deputado, Jesús Núñez, acompañados por concelleiros do PP de Becerreá, mantiveron unha xuntanza de traballo con membros da plataforma pro residencia de Becerreá “para poñernos a súa disposición xa que todos temos o mesmo obxectivo: que se abra o antes posible esta residencia xa que é moi necesaria na comarca”.

A proposta que os populares defenderán no pleno, acordada cos representantes da plataforma, pedirá o compromiso do goberno provincial para levar a cabo de xeito inmediato todos os trámites necesarios que garantan a posta en funcionamento do centro de día e residencial comarcal de Becerreá no vindeiro ano 2024, entre os que se atopan:

  • as modificacións orzamentarias necesarias
  • os trámites administrativos, permisos e autorizacións oportunas
  • a contratación da subministración do mobiliario e do equipamento para as zonas comúns, habitacións, cociña, lavandaría e oficinas
  • a contratación do servizo de prestacións ás persoas maiores

O goberno da Deputación de Lugo tiña anunciado dotar a Becerreá dun centro de día e residencial comarcal con 96 prazas de atención a maiores e 40 prazas de centro de día que estaría operativo antes do 2020. As obras de construción, finalmente, concluíron a finais do 2021, pero o certo é que a data de hoxe este centro continúa pechado e, polo tanto, os veciños e veciñas da comarca non dispoñen do servizo.

Durante estes últimos anos o equipo de goberno provincial non levou a cabo todos os trámites necesarios para a súa apertura; incluso en preguntas formuladas nos plenos de outubro e novembro deste ano ante as cales o deputado delegado da área de Benestar Social, Pablo Rivera, non foi quen de dar unha resposta concreta sobre a data na que se porá en funcionamento.

SEN PARTIDAS NOS ORZAMENTOS PARA 2024

Os recursos consignados en xeral para a vindeira anualidade na aplicación orzamentaria correspondente aos Centros de Atención a Maiores só se incrementan nun 1% (114.565,74 €) respecto á anualidade 2023. Trátase, polo tanto, dun importe claramente insuficiente para garantir a posta en servizo de novos centros de atención a maiores.

En concreto, o importe consignado para 2024 na aplicación orzamentaria correspondente a gastos correntes en bens e servizos nos CAM é un 1% inferior ao consignado no ano anterior (-50.485,06 €) o que engadido a que recentemente o goberno provincial nos medios de comunicación que este centro non se axusta ao modelo da Deputación de Lugo; “é comprensible a incerteza xerada entre os veciños e veciñas de Becerreá e a comarca dos Ancares sobre a intención do goberno da Deputación de Lugo de abrir este centro”.