Skip to main content
Becerreá

O PP lamenta a falta de compromiso coa apertura da residencia de Becerreá

Por 27 Decembro, 2023Sin comentarios

O Goberno provincial formado por PSOE e BNG votou en contra de levar a cabo de xeito inmediato todos os trámites necesarios que garantan a posta en funcionamento do centro de día e residencial comarcal de Becerreá no vindeiro ano 2024. É dicir, “posiciónanse en contra do que piden os veciños dende a Plataforma Pro Residencia de Becerreá” porque “o proposta que o Grupo Provincial Popular trasladou ao pleno da Deputación de Lugo é exactamente o que demandan dende esta plataforma veciñal”, segundo subliñou o deputado, Jesús Núñez.

O popular lembrou durante o debate que a residencia está “construída pola Deputación de Lugo onde se investiu aproximadamente 4 millóns de euros”. A infraestrutura “rematada a finais do 2021, leva máis de ano e medio pechada e sen que o goberno provincial determine que tipo de xestión van a realizar nin que tipo de cociña van a poñer, algo que debería ser importante para aclarar como vai a funcionar”.

Os populares condenan que “a inacción do goberno provincial estea provocando o deterioro do edificio” e piden “dar rendibilidade á inversión poñendo en marcha o centro porque non se pode permitir esta Deputación e a comarca da Montaña seguir con estas instalacións deteriorándose”.