Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte investirá arredor de 100.000 euros no Plan de Xestión da materia orgánica

Por 22 Decembro, 2023Sin comentarios

O equipo de Goberno de Monforte deu a coñecer a evolución do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, que se puxo en marcha hai uns meses nas zonas rurais, e que agora ten continuidade no eido urbano.

José Tomé, alcalde de Monforte, explicou que o Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte “conta con dúas liñas de actuación, unha que achega unha solución para a zona urbana e outra que contemplou un servizo para todas as vivendas que con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do noso Concello. É dicir, dende o Concello de Monforte, facilitamos a todos os nosos veciños os servizos e os medios necesarios para que poidan separar adecuadamente os residuos orgánicos que xeran nos seus fogares”.

O Plan engloba a todos os veciños censados na cidade e a grandes produtores, como son supermercados, restaurantes, centros de saúde, residencias, o Hospital Comarcal ou outros organismos que xeren grandes cantidades deste tipo de residuos orgánicos.

Fomento da compostaxe individual na zona rural

Este Plan está implantado na súa totalidade no eido rural, “no que repartimos todos os composteiros que ofertamos, 253 unidades co seu correspondente folleto informativo e co cubo de 40 litros para a recollida dos residuos orgánicos en cada casa”, explicou o alcalde.

O custo dos 253 composteiros asignados a esta campaña foi de 26.327,18 euros e para levar a cabo a recollida dos residuos orgánicos, o Concello adquiriu un vehículo específico, un camión recolector dotado dunha gran maniobrabilidade, de reducidas dimensións, e cunha elevada carga útil, que lle permiten realizar servizo en zonas urbanas con rúas de acceso moi difícil ou imposible para outros vehículos recolectores. Este vehículo ten un elevador polivalente de contedores e pode recoller desde cubos de 90 litros ata contedores 1.100 litros de capacidade tanto con tapa plana como curva. O seu custo foi de 167.827 euros.

Tamén foi adquirida unha trituradora para restos vexetais, que permitirá converter en astillas os restos de podas, obtendo así un produto de biomasa sostible cun enorme beneficio para o Medio Ambiente. O investimento para esta trituradora foi de 29.766 euros.

Recollida en zonas periurbanas

Na zona periurbana da cidade, concretamente en 19 puntos, o Concello instalou inicialmente 22 contedores de carga traseira de 360 litros con pechadura, é dicir, ábrense cunha chave, para evitar cheiros ou que animais poidan acceder ós restos depositados. Son contedores destinados a cubrir as zonas ás que non chega o sistema de cubeo urbano.

En total, adquiriron 66 contedores deste tipo, que se irán ubicando segundo as necesidades do servizo e o custo destes contedores de 360 litros foi de 11.589,70 euros, mentres que o custo das 2.750 chaves que son habilitadas para que os veciños os abran e fagan uso deles, é de 6.987,75 euros.

Para poder utilizar estes contedores das zonas periurbanas, os veciños teñen que solicitar unha chave, sendo requisito indispensable estar censado en Monforte, xa que este é un servizo para os monfortinos e monfortinas. Esta chave vailles permitir depositar a materia orgánica que recollan nos seus fogares a calquera hora do día e calquera día da semana nestes colectores habilitados.

A recollida destes colectores de zonas periurbanas levarase a cabo 3 veces por semana. Os cubos actuais de lixo seguirán con recollida diaria, dende as 7 da tarde ata as 11 da noite.

Recollida en zonas urbanas

Nas zonas urbanas procederase a recoller os residuos orgánicos das vivendas, implementando un servizo adicional de colocación de cubos ó que actualmente existe, o do cubeo da fracción resto.

Os cubos para a recollida da materia orgánica, que serán de color marrón, colocaranse ó lado dos da fracción resto e recolleranse en días alternos. Para elo, dividiuse a cidade en dúas zonas, de forma que a colocación dos colectores marróns realizarase en días alternos, cunha frecuencia de 3 días á semana en cada zona.

Para establecer estas dúas zonas de recollida, tomouse como referencia a avenida de Galicia e a rúa Chantada. Deste xeito, a Zona 1 engloba áreas da zona sur da cidade, como Casco Histórico e zona centro, rúa Ourense, Carude, Estrela, Molinos de Antero, Zapardiel, Corredoira, Campo de San Antonio, Paseo do Malecón, etc. Pola súa parte, a Zona 2 vai dende estas dúas vías de comunicación, a avenida de Galicia e a rúa Chantada, cara ó noroeste, englobando o barrio da Estación, zona da Florida, o Morín, Rioseco, Juan Montes, Benito Vicetto, estrada de Quiroga, Malvarón, o Barrio do Hospital, Santa Clara, Calvo Sotelo, Valle de Lemos, etc. A Zona 1 recóllese os luns, mércores e venres, mentres que a Zona 2 recóllese os martes, xoves e sábados.

Os colectores marróns serán colocados e retirados de cada zona o día que corresponda, cos mesmos horarios que o sistema de cubeo de fracción resto, pero co camión que especificamente temos designado para esta recollida, ó que aludín anteriormente. Polo tanto, onde actualmente se colocan cubos negros, colocarase a maiores un cubo marrón, en días alternos, e en caso de ser necesario, como dicía antes, segundo evolucione o servizo e segundo a experiencia de uso que teñamos, se poderán colocar máis unidades.

A previsión inicial é colocar aproximadamente uns 265 contedores marróns cada día. Son cubos de 100 litros, e o Concello conta cun total de 660 unidades para esta parte do servizo, que teñen unha partida orzamentaria de 21.721,92 euros.

Todas aquelas persoas que non poidan descargar os seus residuos nestes contedores, terán o reforzo das zonas periurbanas, ”porque o noso obxectivo dende o Concello é dar as máximas facilidades posibles ós nosos veciños e veciñas para que poidan cumprir co Medio Ambiente” destacou o alcalde.

Aos veciños interesados en participar neste programa, ademais da chave para poder facer uso dos contedores da zona periurbana, o Concello tamén lles proporcionará un folleto informativo coas claves para facer axeitadamente a separación deste tipo de residuos, e un caldeiro de 40 litros para que leven a cabo esa recollida nas súas casas, e o correspondente traslado dos residuos ata o contedor habilitado.

O Concello adquiriu con 2.500 cubos-caldeiros de 40 litros destinados á recollida de biorresiduos nos ós fogares dos monfortinos e monfortinas, que teñen un custe de 13.461,25 euros.

Recollida a grandes produtores

Dende o Concello, “tamén falamos xa cos chamados “grandes produtores”, que son centros de saúde, residencias e locais de hostalería. En total, temos contabilizados inicialmente 43 grandes produtores, que poderán verse incrementados en función da demanda deste servizo” explicou o rexedor.

Para eles, o Concello destinou contedores de diferentes tamaños, en función das necesidades que teñan, tanto espaciais como de volume de residuos xerados. Neste senso, cóntanse con 33 contedores 240 litros, cun custe de 2.691,28 euros, 64 unidades de 360 litros, cun custe de 6.737,28 euros e 33 contedores de 800 litros, cun custe de 7.862,22 euros.

A recollida do residuo orgánico en grandes produtores farase 6 veces por semana, de forma coordinada coa recollida dos contedores da zona periurbana, en horario de 19:30 a 2 da mañá. Haberá unha recollida adicional os luns en quenda de mañá, para os residuos xerados o domingo na hostalería.

Desde o Concello din que animan aos monfortinos e monfortinas a que participen nestas campañas, “e nomeadamente a que estamos desenvolvendo en relación o colector marrón” concluíu o alcalde, xa que “este Plan de Xestión da Materia Orgánica de Monforte, conta cun orzamento inicial de 337.000 euros, dos cales máis de 81.000 euros están destinados á zona rural e máis de 255.000 euros ás zonas urbana e periurbana. A eles hai que engadir os gastos derivados do uso do camión de recollida e do persoal destinado a este novo servizo, que superarán os 100.000 euros.