Skip to main content
Monforte

A futura comisaría da Policía Nacional de Monforte construirase na antiga casa de Socorro

Por 29 Decembro, 2023Sin comentarios

Sae a licitación a obra para a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte, anunciada polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen defende que “as obras farán que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional, que albergará a todos os seus efectivos, e que mellorará sen dúbida a atención que prestan ós nosos cidadáns”.

“Este é un paso definitivo para que a antiga casa de Socorro, o centro de Sanidade como se coñecía, albergue as novas instalacións desta comisaría”, salienta José Tomé, “un obxectivo que como alcalde me empeñei en alcanzar dende o principio do meu mandato”.

No pasado mes de maio de 2022, dende o Concello, concedérase a licencia de obra para iniciar os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, tras o informe favorable que os técnicos municipais levaron a cabo sobre o proxecto da nova comisaría presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional así como pola a que era daquela a Inspectora Xefa de Monforte.

Do mesmo xeito, a finais de decembro de 2020, o Alcalde dera a coñecer a conclusión dos trámites entre o Concello de Monforte, o Ministerio do Interior e a Dirección Xeral da Policía, que supoñían a cesión gratuíta do inmoble municipal, coñecido como a antiga Casa de Socorro para que albergase a nova sede da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte.

O orzamento de contrata desta importante obra ascende a 3.880.587,59 euros e o prazo, por procedemento aberto simplificado, para a presentación de ofertas será ata as 9.00 horas do 19 de xaneiro de 2024. A duración do contrato será de 13 meses.

Características do inmoble cedido para a nova Comisaría da Policía Nacional

O inmoble que o Concello cedeu para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional coñécese como antiga Casa de Socorro e está nos números 73-77 da Avenida de Galicia. Conta cunha superficie de terreo duns 2.282 metros cadrados, sobre os que se ubica unha superficie construída de 1.882 metros cadrados.

O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta. A planta semisótano ten unha superficie construída de 244 metros cadrados e destínase a garaxe, así como a outros usos que permita a lexislación. A planta baixa conta con 619 metros cadrados, a planta alta posúe unha superficie construída de 619 metros cadrados e a planta baixo cuberta ocupa uns metros cadrados.

Estas tres plantas contan con diferentes habitacións, servizos e dependencias, que serán reformadas a fin de acoller as novas dependencias policiais. Logo dun estudo pormenorizado da situación desta antiga Casa de Socorro, e atendendo as necesidades da nova Comisaría da Policía Nacional, para levar a cabo a reforma da mesma, optouse pola seguinte distribución:

  • Planta Sótano: composta por unha área de detención, situada no espazo existente de sótano ó redor do patio interior nº 2, e unha galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.
  • Planta Baixa: Nesta planta situaranse as oficinas de atención ó público: expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ao cidadán; e o grupo de seguridade cidadá.
  • Planta Primeira: Recolleranse nesta planta a xefatura de comisaría, o grupo operativo local, o grupo local de información (SITEL), o grupo local de policía científica e vestiarios, así como aseos masculinos e femininos.
  • Planta Baixo Cuberta: Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría: vivenda; e salas técnicas.

A reforma contempla, ademais, a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas sótano, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios; e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo.

Tamén se prevé o reforzo do forxado de teito da planta sótano e a reconstrución completa do taboleiro de cuberta. Finalmente, no proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcamento, situada sobre a cuberta da galería de tiro.

Neste senso, a dotación de aparcadoiros correspondente a calquera ordenanza con uso residencial, industrial ou dotacional, deberá cumprir condicións tales como que as prazas teñan unha superficie rectangular mínima de 2,20 x 4,50 metros, unha superficie de aparcamento non inferior a 20 metros cadrados, se o número total de prazas é igual ou superior a 50, e deberá contar cun 2 % como mínimo para usuarios con discapacidade, e unha superficie por praza de 3,30 x 4,50 metros.