Skip to main content
As Pontes

Besteiro garante compensacións aos propietarios das Fragas do Eume

Por 29 Decembro, 2023Sin comentarios

O candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, derrogará o Plan Reitor, aprobado por Rueda, “porque provoca perdas económicas, impón normas con total descoñecemento da realidade e recorta dereitos”.

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse cos alcaldes e propietarios das Fragas do Eume, os que lles trasladou a súa indignación pola aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) por parte do goberno do PP de Rueda. “O plan foi aprobado sen ningún tipo de consenso nin resposta ás alegacións presentadas polos concellos e donos das fincas”, explica Besteiro.

A superficie das Fragas suma cinco municipios: Monfero, A Capela, As Pontes, Cabanas e Pontedeume, e o 80% deste Parque Natural pertence a particulares, que levaban 26 anos esperando unha Lei que fixara o uso e a xestión das súas terras e lles compensara polas limitacións e obrigas que teñen, ao estar dentro dunha zona de especial interese. Pola contra, a Xunta de Rueda aprobou este ano o PRUX, “con máis de 20 anos de retraso, provocando perdas económicas e ambientais, impoñendo normas con total descoñecemento da realidade, e recortando dereitos”, explicou Besteiro.

O candidato socialista á Xunta comprometeuse a derrogar o PRUX cando sexa presidente do Goberno galego e consensuar un novo Plan porque o actual “é inxusto e non formula alternativas como beneficios pola fixación de carbono, pagos pola cesión de uso público ou a compra de terreos a prezos xustos, axudas compensatorias polas limitacións aos particulares, fomento do emprego verde, etc.”.

Neste sentido, avogou por aproveitar as oportunidades económicas: “É o momento de buscar fórmulas para poñer prezo ao carbono dos Espazos Naturais que capturan os montes galegos. O noso país pode ser un gran sumidoiro natural e os prezos nos mercados internacionais pola absorción de CO2 van seguir en aumento”.

En opinión de Besteiro “o PRUX debería contemplar unha política seria para a compra pública das 433 hectáreas da zona declarada de máxima protección, e unha avaliación económica das limitacións que impón o parque no resto das 3.395 hectáreas de superficie da zona de uso limitado, estudando fórmulas xustas de compensación para os seus propietarios alí onde estean directamente afectados”.

Besteiro defendeu a figura de Parque Natural das Fragas do Eume pero desde o respecto á propiedade privada garantida constitucionalmente. “As Fragas son un patrimonio natural de todos os galegos. Rueda non pode desentenderse e que os propietarios se fagan cargo dun ben común de interese xeral. Se gozamos desta espectacular paraxe, tamén temos o deber e a responsabilidade de contribuír a mantela” dixo.

Cualificou de “tomadura de pelo” a partida habilitada por Rueda para a compra das fincas e propuxo estudar “medidas satisfactorias e xustas como a cesión de uso dos terreos a Medio Ambiente para que se ocupe do mantemento e a xestión das fincas e a plantación e, a cambio, compense aos donos seguindo o modelo de colaboración que se está a aplicar xa noutras comunidades de España”. Propuxo potenciar actividades que fomenten o emprego verde e incrementen o valor das Fragas.

Mellora urxente dos accesos

Besteiro urxiu a Rueda a mellora dos accesos ás zonas de saca de madeira onde está permitida, a ampliación e mantemento da estrada de acceso que o PP ten completamente abandonada, a a necesidade de aparcamentos disuasorios nos accesos ás Fragas, a revisión e reapertura das pontes colgantes como un atractivo máis do Parque Natural, pór en valor os restos arqueolóxicos catalogados nas Fragas e divulgar e facer máis atractiva a zona media-alta das mesmas a través da economía verde, porque as Fragas son máis que Caaveiro”, concluíu.

Por último agradeceu aos propietarios das fincas que “malia todas as dificultades e aínda a costa do seu patrimonio persoal” dado o maltrato da Xunta do PP durante anos, “foran quen de manter a esencia dun lugar natural de incrible beleza que é unha das marabillas da nosa terra”