Skip to main content
Cervo

Máis de 80 nenos participaron no programa Cervo Concilia polo Nadal

Por 6 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Cervo clausurou este venres unha nova edición do programa Cervo Concilia no Nadal, que deu comezo o 22 de decembro e que se prolongou durante todas as vacacións escolares “co fin de contribuír o máximo posible á conciliación das familias nestas datas”.

Máis de 80 crianzas de entre 3 e 12 anos, e divididos en catro clases, desfrutaron dunha completa axenda de actividades educativas e lúdicas pensadas para a diversión e a aprendizaxe, dirixidas e coordinadas por un equipo humano conformado por oito monitores/as.

A temática do Nadal foi a base de moitas das iniciativas deseñadas tanto dentro das aulas situadas na Casa do Mar, como no exterior, naqueles días nos que o tempo acompañou.

Así, as crianzas fixeron manualidades, diferentes xogos, ensaiaron as badaladas ou puideron desfrutar, por exemplo, do tren de Nadal na Praza dos Campos, entre outros moitos pasatempos e actividades educativas.

Como broche de ouro, este venres, esmeráronse ao máximo na organización dun concurso de talentos no que exhibiron as súas dotes artísticas, e tamén desfrutaron dunha doce merenda a base de roscón de reis e chocolate e cada neno recibiu un agasallo de regalo.

A rexedora, Dolores García Caramés, e a tenente de alcaldesa, Mali Méndez, quixeron compartir esta xornada de despedida con todos eles, agradecendo “a entrega e a implicación dun equipo de monitores/as de luxo”, así como tamén “a confianza das familias neste programa que edición tras edición supera cifras de asistencia” o que é síntoma de que é unha ferramenta útil e proveitosa para as familias nestas datas nas que conciliar ás veces non resulta tarefa sinxela. 

Caramés comprometeu así mesmo a continuidade deste programa “polo que levamos moitos anos apostando firmemente desde o Concello de Cervo”.