Skip to main content
Foz

O 27 de xaneiro coroarase a raíña do Entroido de Foz 2024, Carlota Fernández del Riego

Por 4 Xaneiro, 2024Xaneiro 5th, 2024Sin comentarios

Aínda sen finalizar unha programación de Nadal chea de eventos en Foz (este venres chega a gran cabalgata dos Reis Magos e o domingo Os Bolechas), o Concello de Foz prepárase para un Entroido que celebrará o seu primeiro ano como festa de interese turístico. A comisión de festas O Noso Foz e o Concello de Foz preparan os próximos eventos do mes de xaneiro e febreiro. A primeira data do calendario é o 27 de xaneiro, no que se coroará a raíña elixida no mes de outubro, Carlota Fernández del Riego.

O Entroido de Foz virá con novidades: a primeira delas a nova situación da carpa para a celebración das actividades, que será colocada na rúa Atalaia (As Torres) grazas á colaboración de varios veciños de Foz. O alcalde, Fran Cajoto, agradece “o xesto de colaboración desinteresada dos veciños, que non puxeron inconveniente ningún para que o Entroido poida ter unha localización cómoda e máis espazosa, debido á que o espazo do Bahía xa non se axusta ao requirido para o evento”. Esta carpa aglutinará a maioría de celebracións do Carnaval focego, que comezará coa tradicional cea de coroación o sábado 27 de xaneiro ás 9 da noite (apertura de portas). A presidenta de O Noso Foz, Fátima Novo, explica que “coma nos últimos anos a forma de inscribirse será enviando un mail á conta onosofoz@gmail.com entre o 8 e o 10 de xaneiro indicando o número total de comensais, o nome completo e DNI de cada un deles, o número de menores de idade, o nome da mesa e o teléfono da persoa responsable. O aforo é limitado polo que rogamos que se respecte a forma de inscrición. Unha vez cerrada esta a comisión porase en contacto con cada grupo confirmando a reserva e indicando os días nos que se entregarán as entradas á cea”. Coma todos os anos poderán acudir as persoas de 14 anos ou máis. Os menores deberán entregar autorización dos pais ou titores e deberán ir acompañados dun adulto responsable. O menú constará de empanada, sopa de cocido, costela asada, sobremesa, bebida, café e chupito e o prezo da tarxeta será de 30 euros. A cea estará animada polos djs Alejandro Martínez e Pedro Bermúdez.

O concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira, agradece “o enorme traballo que fai a comisión de festas para que todos os eventos do Entroido se leven a cabo.”

Dende os departamentos de Festas e de Cultura do Concello de Foz, Ángel Fernández e Inés López, continúan traballando na organización do gran desfile do Entroido e en vindeiras datas anunciaranse máis eventos.