Skip to main content
Trabada

A alcaldesa de Trabada presenta a súa renuncia e di que “alí onde estea traballarei por e para Trabada”

Por 9 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, presentou a súa renuncia ao cargo para concorrer ás eleccións autonómicas como candidata pola provincia de Lugo e despídese dos veciños e veciñas do concello a través dunha carta.

“Con sentimentos encontrados poño fin a unha etapa tan marabillosa como intensa na miña vida. Foi unha honra e sobre todo unha gran responsabilidade servirvos como a vosa alcaldesa durante estes nove anos, por iso, dende o primeiro día, asumín este importante e fermoso traballo, con toda a dedicación que merece este cargo”, asegura García Bermúdez.

“Como sabedes, este camiño non foi nada fácil, tivo luces e sombras, porque houbo persoas que intentaron dende o primeiro minuto que nada funcionase, pero gracias ao tesón e á convicción dos compañeiros e compañeiras que cremos e traballamos neste proxecto podemos ver como o traballo destes últimos anos empeza a dar os seus froitos, porque nada cambia da noite para a mañá”, engade a alcaldesa na carta.

En palabras de García Bermúdez, “isto non é unha despedida, só un punto e seguido porque alí onde estea defenderei e traballarei por e para Trabada”.

“Quero aproveitar esta carta para agradecer o apoio, sobre todo a todas e todos os trabadenses que confiaron en min durante estes anos. Pedir desculpas a aquelas persoas que, confiando en min, non souben ou non puiden cumprir coas esperanzas que me depositaron. Síntoo profundamente. Pedir perdón tamén se cometín algún erro, só podo dicirvos que intentei gobernar para todos, sen distincións e sobre todo mirando o interese xeral para o pobo”, engade.

García Bermúdez explica que “participo na candidatura ao Parlamento de Galicia que lidera José Ramón Gómez Besteiro. Sempre lle estarei agradecida porque foi el quen na súa etapa de presidente da Deputación de Lugo decidiu facer o centro de atención aos maiores de Trabada”.

“Quédome co voso apoio incondicional e cariño destes anos dentro do meu corazón e agardo que sexa un sentimento mutuo. Tédesme á vosa disposición se credes que podo axudarvos e confío en que continuaremos traballando xuntos para alcanzar novas metas e para acabar coa política de recortes que nos quita médicos e mestres no rural”, remata a carta.