Skip to main content
Trabada

Rubén García Freije tomou posesión como novo alcalde de Trabada

Por 19 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Rubén García Freije tomou posesión como novo alcalde de Trabada nun emotivo acto no que participaron veciños e familiares así como cargos políticos da provincia.

Estre estes atopábanse a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o presidente da Deputación de Lugo, José Tome Roca, e a ex alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez. Ademais, tomou tamén posesión como concelleiro Pablo González Lastra, que xa estivo de concelleiro no anterior mandato municipal.

Isabel Rodríguez animouno a seguir o camiño que trazou para o municipio a xa ex alcaldesa, Mayra García, e desexoulle moitos éxitos na xestión do concello para estes anos. A subdelegada trasladoulle o seu convencemento de que tratará os asuntos da vila coa máxima responsabilidade e ofreceu a colaboración da Subdelegación para seguir a realizar melloras neste concello.

“Grazas á miña familia e aos meus amigos por acompañarme neste día e por apoiarme en todo momento. Teño que facer un especial agradecemento á persoa culpable de que eu estea hoxe aquí, a capitana deste barco e unha amiga e compañeira que soubo facerme ver a política dun xeito diferente. Como ben sabedes esa persoa é Mayra. Grazas por acompañarme hoxe e por cambiar Trabada”, asegurou Rubén García.

“Afronto o reto de ser alcalde de Trabada con moita responsabilidade, con moitas ganas e con moita ilusión. Prometo traballar para seguir
mellorando a vosa calidade de vida a dos veciños e veciñas de cada unha das oito parroquias do noso Concello”, engadiu.

O novo alcalde comprometeuse a “seguir apostando polos servizos públicos e pola política de proximidade; seguirei apoiando o sector primario como un dos piares básicos do noso concello, e tamén seguirei mellorando as infraestruturas e os viais no noso pobo rodeado do mellor equipo”.
“Grazas aos meus compañeiros e compañeiras, entre todos imos seguir traballando para mellorar Trabada”, apuntou.

“Aos concelleiros da oposición quero tendervos unha man ó diálogo e ó entendemento. Sempre desde o respeto e a rigurosidade”, dixo García, antes de rematar lembrando “a unha persoa que sei que estaría moi feliz e orgulloso de escoitarme e verme neste momento. Esa persoa e meu avó Benito, unha persoa que foi e será exemplo de traballo e sacrificio. Sei que desde donde estea me vai apoiar neste gran reto”, rematou.