Skip to main content
Xove

Detectado un novo caso de gripe aviaria nunha gaivota en Xove

Por 3 Xaneiro, 2024Xaneiro 4th, 2024Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural ven de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela atopada morta en Xove e que foi trasladada aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda localizados no Veral en Lugo. A ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor.

A notificación deste foco, ao afectar exclusivamente unha ave silvestre, non implica cambios no estatus sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoración de risco favorable

Cómpre recordar que na data actual a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel do Estado continúa a ser favorable, ao non estar aínda no período de maior afluencia na chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus ao noso territorio.

Deste xeito, hoxe mantéñense en Galicia certas medidas de prevención sanitaria unicamente nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

Lémbrase que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.