Skip to main content
Xove

Xove acollerá a presentación do libro Fanzines en Galiza, de Ramón Mariño

Por 29 Xaneiro, 2024Xaneiro 30th, 2024Sin comentarios

O salón de actos do Centro Cívico de Xove acollerá o mércores 31 de xaneiro ás 20.00 a presentación do libro Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega, de Ramón Mariño Fernández e editado por Laiovento.

Trátase da presentación do primeiro libro integramente en galego sobre as publicacións autoeditadas en Galicia durante os últimos corenta anos. Neste traballo recóllense propostas de toda a xeografía galega aínda que con maior interese naquelas que proceden de ámbitos menos urbanos.

Os fanzines foron publicacións que autoeditaban persoas con inquietudes culturais, sociais e políticas. A súa aparición supuxo un pulo para os diferentes movementos xuvenís que se estaban dando a coñecer en Galicia durante os 80, 90 e comezos do século XXI. Grupos de música hardcore, punk, mesmo experimental e electrónica, así como os primeiros colectivos gráficos que máis tarde desembocarían dentro da creación do cómic tanto galego como español.

O autor, Ramón Mariño Fernández, naceu en Xove e estudou a carreira de Xornalismo na USC e tamén fixo o Doutorado en Ciencias Políticas na mesma universidade. A tese doutoral, dirixida polos profesores Luis Álvarez Pousa e Xosé Luis Barreiros Rivas, foi o pé para dar paso ao libro que se presenta o día 31 de xaneiro en Xove e que pretende así render unha homenaxe á veciñanza do lugar de nacemento do autor. “Dalgunha maneira debo devolver os apoios, o cariño e a forza que me deron veciños e veciñas, amigos e amigas para continuar para adiante con este traballo feito realidade”, declara o autor.

Na presentación participarán tamén Mario Eijo Barro, técnico de Cultura do Concello de Xove e tamén autor do libro Cineclubismo e cine non comercial en Santiago nos anos 60 e 70 e o profesor e dinamizador cultural Bernardo Penabade, docente no Instituto Monte Perdouro de Burela. Os tres falarán sobre a autoedición e as posibilidades que ofrece aínda no día de hoxe.