Skip to main content
Becerreá

O PP continúa a urxir a apertura da residencia de maiores comarcal de Becerreá

Por 5 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Grupo Provincial Popular continúa a urxir a apertura da residencia de maiores comarcal de Becerreá que se rematou de construír fai dous anos. O portavoz, Antonio Ameijide, explica que “estamos no primeiro venres do ano: nin se reúne a xunta de goberno nin hai noticia de que a Deputación aprobase investimentos que garantan a apertura deste centro no 2024”.

O popular lembra que “o goberno provincial dirixiu 4 millóns de euros de tódolos lucenses á construción deste centro do que se poderían estar beneficiar preto de 100 persoas se estivese posto en marcha, toda vez que a obra leva dous anos rematada”. Pero, “a realidade é que segue sen mobiliario, nin cociña nin conexión eléctrica porque non o contrataron aínda dende o goberno provincial”. 

Dende o Grupo Popular lamentan que “Tomé, PSOE e BNG condenen aos veciños da comarca a non dispoñer deste servizo por capricho político e as rencillas persoais de Tomé” e, polo tanto, esixen “que o goberno da Deputación cumpra co seu compromiso porque non se pode permitir que este investimento se converta en ruínas” porque “a inacción do goberno provincial provoca o deterioro do edificio”.

PSOE E BNG EN CONTRA DA SÚA APERTURA NO 2024

Ameijide condena este comportamento do goberno provincial, pero lembra que “PSOE e BNG votaron no último pleno en contra de levar a cabo de xeito inmediato todos os trámites necesarios que garantan a posta en funcionamento do centro de día e residencial comarcal de Becerreá no vindeiro ano 2024”. É dicir, “dixeron claramente que non ás peticións que fan os propios veciños a través da Plataforma Pro Residencia de Becerreá”.