Skip to main content
Lugo

Cali danza estrea este domingo en Lugo ‘Donas’, unha alegoría á feminidade

Por 13 Xaneiro, 2024Sin comentarios

A Cía. Cali danza inaugura o Ciclo LED de danza programado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo para este ano, coa estrea da súa segunda produción -logo de Feminitude- onde o mundo da muller volve ser protagonista.

Donas é unha creación sostida pola trascendencia, que navega polo simbólico dando voz aos ecos do subconsciente feminino, unha obra circular, próxima ao trance que envolve ao espectador, creando un clima emocional aberto a todo o espazo máis aló do marco escénico e de todas as barreiras.

En palabras da directora e coreógrafa da obra Alba Felpete, “Donas fala de facernos capitás das nosas vidas, da ciclicidade, da vida e da morte, de sexualidade, de fondas feridas interxeracionais, de manifestos, de loita, de sororidade e de amor, sobre todo de amor”.

As bailarinas amosarán nos 50 min. de espectáculo unha poesía corporeizada, unha alegoría dos aspectos femininos da existencia encarnados no corpo da muller, un camiño en feminino que recolle as voces ancestrais e as ilumina no presente. A nova produción conta ademáis cun plantel moi importante na parte artística como o caso de Sabela Adalid como asistente coreográfica. A música –inédita- é obra do creador escocés de espazo sonoro Iain Armstrong, compositor asociado á Cía. americana Humanhood, unha das referencias da danza contemporánea actual a nivel mundial. O deseño de luces foi realizado polas alumnas de Escenografía da EASD Ramón Falcón, baixo a coordinación e supervisión de Eva Valle Legido.

Donas producida por CALI está co-producida pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, coa colaboración do MIHL, do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. A súa estrea terá lugar o domingo 14 de xaneiro ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo, con entradas á venta (5 €) na billeteira web de Entradas Lugo ademais da billeteira do propio auditorio.