Skip to main content
Lugo

O Impulso Verde acolleu a reunión anual do Cluster da Madeira e Deseño

Por 27 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O edificio Impulso Verde acolleu este venres unha xunta directiva do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia. A entidade mostrou o seu interese en celebrar dito encontro nestas instalacións municipais co obxectivo de poñer en valor e visibilizar este edificio pioneiro, situado na zona da Garaballa. Unha contribución que a propia rexedora de Lugo, Paula Alvarellos, lles agradeceu persoalmente, logo da reunión.

A través do mesmo, o Concello de Lugo continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo tamén da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que teñen o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que impulsa o goberno local. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

CLÚSTER DA MADEIRA

O Clúster dA Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) desenvolveu o pasado ano 135 accións, no marco do seu Plan Estratéxico MADE 2020- 2023, a través de 11 programas estratéxicos que abarcan internacionalización e novos mercados, construción en madeira, deseño, innovación e industria 4.0, relación con prescritores, comunicación e Márketing, servizos directos, relacións con outras asociacións e coa contorna ou formación, entre outros.

As accións máis destacadas realizadas durante o pasado ano 2023, foron a xestión e coordinación de 7 proxectos de innovación que mobilizaron máis de 6 millóns e medio de euros de orzamento e contaron coa participación de 41 empresas; a visita de máis de 60 estudantes de ciclos de FP a empresas asociadas para coñecer, in situ, o traballo que se desenvolve nas mesmas, a continuidade das xornadas Meeting Point Lignum, que celebraron a súa duodécima edición ou as Xornadas de Arquitectura e Deseño, entre outros.

En canto á Comunicación, destaca o ciclo radiofónico Galicia é Madeira que contou con 12 charlas entre 23 profesionais relacionados co mundo da construción, deseño, formación, empresa e Administración. En total, foron máis de 140 minutos abordando as particularidades e usos da madeira. En relación á formación, o CMD desenvolveu o Programa Especializado en Control de Xestión, contando con 10 empresas diferentes pertencentes ao aproveitamento forestal e enerxía, serradoiro, taboleiro, carpintería, consultoría e arquitectura.

O CMD está a apostar fortemente, ademais, pola formación en construción industrializada e de instaladores de estruturas de madeira contralaminada, celebrando o pasado ano 3 cursos de formación que contaron cun gran éxito de participación. Durante este exercicio, preténdese continuar con esta iniciativa debido a que conta cunha gran demanda.

Entre outras moitas accións, destácase tamén a elección da Fundación RIA como socio de honra do CMD, recollendo este recoñecemento o seu presidente, David Chipperfield, no seo da celebración da Asemblea Anual da entidade.

Finalmente, un dos grandes fitos conseguidos o pasado ano é o lanzamento, en colaboración coa Axencia Galega dá Industria Forestal, da Plataforma Lignum Facile Responde para fomentar o correcto uso da madeira en construción. Trátase dunha demanda histórica por parte do CMD, que persegue compartir coñecemento de forma aberta con todo o ecosistema de prescritores e industria para xerar confiabilidad no correcto uso da madeira.

O CMD comeza o ano coa incorporación de cinco novos socios

O CMD agradece a confianza que os seus socios seguen depositando na entidade tras tantos anos e celebra a solicitude de incorporación de cinco novas empresas da cadea de valor: unha empresa de deseño e fabricación de maquinaria forestal, unha comercializadora de produtos derivados de madeira, un fabricante de portas e dous estudos de arquitectura.
O Plan Estratéxico MADE pechouse con máis de 400 accións

O CMD pechou o seu Plan Estratéxico MADE 2020-2023 con máis de 400 accións levadas a cabo durante estes catro anos. Este Plan, que se desenvolveu para todas as empresas, partindo desde as súas necesidades e contando coa súa opinión e participación activa, finaliza cumprindo os obxectivos fixados iniciais.

Na súa elaboración, fixáronse 11 programas estratéxicos, resultando o seguinte número de accións por programa: 17 accións en Internacionalización e Novos Mercados; 24 accións en Construción en Madeira; 14 accións en Más Deseño; 38 accións en Innovación e Industria 4.0; 12 accións no marco do programa Lignum Facile; máis de 100 accións en Comunicación e Márketing; 60 accións de Servizos Directos; 19 accións de formación; 20 no programa de Cadea da Madeira; e 27 accións na Rede Clúster. En total, foron máis de 400 accións desenvolvidas durante estes 4 anos, coa participación activa dos asociados do CMD.

Na actualidade, a entidade atópase traballando na elaboración do seu próximo Plan Estratéxico que marcará as accións para desenvolver durante os próximos anos, iniciando así un novo escenario. Ademais, nesta nova etapa, a entidade buscará a potenciais socios vinculados á construción, coa finalidade de incorporar todo o ecosistema asociado á construción en madeira (deseñadores, arquitectos, instaladores, calculistas, certificadoras etc.)/ etc.) e, así, resultar máis competitivos.

Plan Estratéxico do Sector da Madeira, un dos retos do novo ano

A cadea de valor madeira-forestal atópase na primeira fase de traballo para a elaboración do Plan Estratéxico do Sector, demanda histórica do sector que a Administración autonómica está a impulsar.

O obxectivo é detectar as tendencias da demanda e marcar o camiño para establecer o escenario que dispoña ao sector galego a aproveitar esas oportunidades, atraendo investimentos e xerando riqueza, converténdose nun piar fundamental do Plan Forestal de Galicia para que este sexa viable, sostible, crible e potente. A través deste Plan Estratéxico conectaranse as capacidades do recurso forestal e do tecido produtivo e transformador galego, coas oportunidades do mercado.