Skip to main content
Lugo

A nova edición da Festa da Filloa volverá en febreiro á praza de Abastos

Por 31 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Cristina López anunciou que se celebrerá o martes 13 de febreiro a partir das 11 horas. O Entroido 2024 conta con máis de 20 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa.

A contorna da Praza de Abastos acollerá o vindeiro 13 de febreiro a segunda edición da Festa da Filloa de Lugo, cita coa que a Tenencia de Alcaldía dá comezo ás actividades do Entroido 2024. A concelleira de Participación, Cristina López, destacou “a boa acollida e éxito” que tivo esta iniciativa por parte da veciñanza de Lugo na súa primeira edición, e destacou que, como cada ano, o Entroido “contará cunha gran selección de actividades para toda a veciñanza”.

A Tenencia de Alcaldía instalará na praza de Santo Domingo unha máquina capaz de elaborar entre 900 e 1.100 filloas por hora, para entregar filloas de xeito gratuíto a toda a veciñanza que se achegue ao evento. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, e á tarde, entre as 16:00 e as 19:00, “os e as lucenses poderán desfrutar deste produto típico da cultura galega e, sobre todo, dos días de Entroido”, explicou a concelleira de Participación.

Cristina López tamén quixo incidir en que, dende o Goberno Municipal “queremos poñer en valor a rúa Quiroga Ballesteros e os dous edificios municipais que alí se atopan, o Mercado Municipal e a praza de Abastos”.

Cristina López informou das demais actividades que terán lugar nas instalacións. A partir do día 2, “coa celebración do Mercado de Produtos Tradicionais propios desta época de Entroido, onde as cachuchas e os cimos inundarán o Mercado Tradicional dos martes e venres na Praza de Abastos”. Ademais, o día 3 recupérase a Feira de Nadela, cun mercado con máis de 70 postos con produtos típicos e con concurso de disfraces. Con actividade previa, celebrarase na fin de semana do 3 ao 4 de febreiro unha nova edición do Campionato Estatal de futbolín no soto da Praza de Abastos. En total, insistiu Cristina López, o Entroido 2024 “conta con máis de 20 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa”.