Skip to main content
Palas de Rei

Adega di que Altri ocultou información sobre o impacto da súa fábrica en Palas de Rei e sobre endemismos en perigo

Por 16 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Adega vén de comunicar que o proxecto da celulosa Altri na Ulloa “obvia que vai ocupar un territorio proposto pola Xunta para integrar a Rede Natura 2000 e que contén endemismos galegos en perigo de extinción”.

No trámite de exposición pública para a concesión de augas captación e vertido da fatoría que a pasteira Altri pretende instalar en Palas de Rei, “hai interesante información sobre os non impactos desta macrocelulosa”, din.

“Chama a atención que pretendan instalar todo un polígono industrial xusto a carón (a cero metros) dun espazo protexido (ZEC Serra do Careón) con hábitats prioritarios e consideren que o seu impacto sexa compatible”, engaden desde Adega.

Dende o colectivo sinalan que “en ningunha parte do Estudo de Impacto Ambiental menciónase o feito de que os terreos a ocupar polas infraestruturas de Altri fan parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 galega, presentada pola Xunta tanto en 2008 como en 2011. Esta ampliación respondía á necesidade expresada pola propia Comisión Europea, de ampliar a representación de determinados hábitats no Estado Español, e particularmente en Galicia”.

A renuncia da Xunta a ampliar os espazos protexidos baixo esta figura provocou a apertura dun procedemento de infracción por parte da Comisión Europea. “Sería paradoxal que os fondos europeos que reclama Altri para construír a súa factoría serviran para coartar a ampliación da RN2000 e degradar un espazo para o que a propia CE reclamou protección”, din.

Endemismos galegos “desaparecidos” do proxecto

Segundo o colectivo medio ambiental, un dos impactos máis significativos da macro-celulosa de Altri deriva de localizarse nun territorio de singular rareza xeolóxica e botánica: o complexo de rochas ultramáficas do Careón. Asociadas a estas rochas aparecen especies vexetais únicas: plantas endémicas cuxa área de distribución mundial limítase a uns poucos quilómetros cadrados nos que afloran estas rochas serpentiníticas.

En concreto, estes raros endemismos botánicos afectados polo proxecto son asantolina de Melide (Santolina melidensis), a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) e a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum).

Estas tres especies están catalogadas como en perigo de extinción, e a elas hai que engadir tamén a Centaurea gallaecica (M. Laínz), considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas.

Na documentación do proxecto, Altri ocultou a presenza destas especies dentro das fincas ocupadas pola celulosa e noutros casos alterou a súa localización, malia a existir citas recentes que certifican a presenza destes raros endemismos botánicos neses terreos.

Este tipo de “esquecementos non son casuais cando se trata de vender as bondades dun proxecto (celulosa, eólica, mina…) a unha administración que xa o declarou de interese estratéxico en decembro de 2022, e para a que o noso patrimonio natural non é máis que outro molesto atranco”, rematan dicindo.