Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Así evoluciona o paro na provincia de Lugo concello a concello

Por 20 Xaneiro, 2024Xaneiro 23rd, 2024Sin comentarios

A situación laboral mellora en 42 municipios que ven como as súas listas de desempregados se reducen. En canto aos gremios, máis do 70 % de parados en decembro pertencen ao sector servizos

Lucía Blanco

Galicia pechou o 2023 con 129.504 parados, o menor número rexistrado no mes de decembro dende 1996, segundo revelan os últimos datos do Ministerio de Traballo e Economía Social. A provincia lucense puxo punto e final ao último ano rexistrando 12.385 persoas sen emprego, 1.263 menos se comparamos coas cifras notificadas en decembro do 2022, e con 42 dos seus municipios reducindo as súas listas de parados. Por comarcas, a de Lugo, debido á súa capitalidade, con 4.804 persoas sen traballo  -601 menos que hai un ano- e a da Mariña Occidental con 1.145  -que baixa en 164 persoas- concentran o maior volume, segundo cifras da Consellería de Emprego.

A capital provincial notifica as cifras máis drásticas, con 495 parados menos, aínda que existen outros casos máis chamativos. Por exemplo, Viveiro concentra 125 parados menos comparando co 2022 e 148 respecto ao 2021. Noutros concellos como Vilalba, a cifra rebaixouse en 64 e en Monforte caeu en 54.

Outras localidades como Ribadeo, Burela e Monterroso tamén rexistran unha melloría da súa situación laboral. En cada un dos concellos mariñáns 53 persoas deixaron de estar anotadas como desempregados, mentres que no municipio da Ulloa son 40 menos con respecto a decembro de 2022. Pero a situación laboral non mellorou en toda a provincia. É o caso de Taboada, onde ascenderon a 84 os inscritos no SEPE, 10 máis que no anterior decembro; de Pantón, con 11 parados máis ou de Cervantes, con 36 persoas sen emprego, 8 máis que no 2022.

 

O sector servizos concentra o 70 % do desemprego

O desglose por sexos indica que as mulleres se levan o peor balance. Aínda que se rexistran 6.842 traballadoras sen emprego, 820 menos que hai un ano, estas representan o 55,24 % do total de parados da provincia. En canto á situación por sectores, os números melloran no sector servizos que rexistra 8.703 persoas en situación de desemprego no último decembro, 956 menos que hai un ano. Porén as actividades dentro desta categoría aglutinan o 70,27 % do paro total. Ségueno o gremio da industria, con 966 parados, 82 menos que nas listas de hai un ano e o da construción, con 866, onde se reducen en 152.

A Xunta fixo balance da situación do mercado laboral e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, quixo destacar a baixada do paro nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos. A CIG xustificou o “leve repunte do emprego” coa precariedade na contratación, referíndose así á última reforma laboral e á inestabilidade que potencia os sectores con peores condicións.

“Vemos como nos sectores con mellores condicións laborais, como a industria e a construción, o número de persoas paradas aumenta, mentres que os que peores condicións teñen, como o sector servizos, experimentan un lixeiro medre do emprego”, explica Paco Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG.

Contratacións indefinidas e fenda de xénero

Pola súa parte, dende UGT Galicia poñen en valor a reforma laboral do 2021 que resultou en “máis contratacións, máis dignas e nun aumento da protección”. Para iso apóianse nos datos das contratacións indefinidas rexistradas en decembro, que supoñen o 26,63 % do total da contratación, segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social.

“É moi significativo que antes da reforma, en decembro de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida era do só do 9,46% do total de contratos”, trasladan desde a forza sindical. Argumento que comparten dende CCOO Galicia que destacan como “os contratos indefinidos se triplicaron” e a precariedade se reduciu notablemente. “O que inflúe de maneira importante na mellora das condicións de vida da cidadanía galega”.

Zeltia Lado tamén fixo fincapé no bo comportamento do paro entre os colectivos prioritarios para a Administración autonómica, como son os menores de 30 anos e as mulleres. Segundo o Goberno galego, ambos grupos rexistraron o seu mínimo histórico no último mes do ano, con 14.308 e 74.793 persoas respectivamente. Neste senso, CCOO denuncia a fenda de xénero que sofren as galegas, unha desigualdade que ten moito que ver “coas actividades e as condicións en que desenvolven o seu traballo” e esixen un “maior compromiso tanto das empresas como da Administración autonómica” para mudar neste novo ano a situación laboral das galegas.