Skip to main content
Carballedo

O Partido Popular critica o estado das estradas provinciais do municipio de Carballedo

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, percorreu o municipio de Carballedo xunto ao seu alcalde, Julio Yebra, para comprobar os problemas de inseguridade viaria da rede viaria provincial e estatal que sofren os veciños de Carballedo a diario.

O PP, ante o perigo da rede de estradas provincial e estatal en Carballedo, reclama seguridade viaria para os veciños e o rexedor do municipio explicou que “hai moitos anos que a Deputación de Lugo non amaña nin un so dos danos que presentan as estradas que son da súa propiedade ao seu paso por este municipio”.

Un dos exemplos máis claros é a LU-P-1005 Trasar – Rañadoiro ata o límite provincial, na que “o asfalto está a desaparecer, quedando a maior parte da zona de rodadura nas capas inferiores, con terra e pedras soltas, supoñendo un verdadeiro perigo a circulación”.

Outros exemplos de vías provinciais en mal estado no Concello de Carballedo son a LU-P-1002 A Barrela – Esmoriz – A Tilleira, a LU-P-1003 Cartelos ata o límite coa provincia de Ourense, a LU-P-1004 Castro – Temes – Os Peares ou a LU-P-1007 Santa Cristina – Pereiro.

Ameijide tamén pon como exemplo de “boa xestión e preocupación cos veciños” o que fai o alcalde deste municipio: “Durante o percorrido comprobamos como as estradas que son responsabilidade do Concello están en condicións moito mellores que as da Deputación, no que é un exemplo de boa xestión, dando prioridade ás peticións dos veciños que precisan de vías de comunicación en bo estado para desprazarse con seguridade”.

Por último, o deputado popular tamén destacou o “nefasto” estado de conservación da N- 540 que serve aos veciños de Carballedo para desprazarse cara Lugo e Ourense: “A realidade é que é un verdadeiro perigo que xa se denunciou en numerosas ocasións sen que o Goberno central se preocupe polo seu mantemento, como tampouco se preocupa José Tomé de reclamar o seu arranxo”, dixo.