Skip to main content
Monforte

O mural ferroviario da estación de tren de Monforte vén de ser restaurado por Adif

Por 3 Xaneiro, 2024Xaneiro 4th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, puxo en valor a restauración do mural ferroviario do vestíbulo da estación de tren de Monforte que vén de rematar o Adif, un documento histórico que recrea o mapa ferroviario das liñas existentes en Galicia en 1954, ano en que Cándido Fernández Inchaurbe, delineante proxectista de Renfe, asinou a obra.

A peza é unha pintura de corte realista e ton divulgativo, que destaca a importancia de Monforte de Lemos como nó ferroviario e na que se poden apreciar monumentos representativos de Galicia, como a Torre de Hércules (A Coruña), a Muralla de Lugo ou a Ponte Vella de Ourense.

O mural tamén recolle diferentes escenas (un peregrino, un emigrante, dous axentes fronteirizos, un autobús ou tres trens automotores de TAF da época, saíndo de Monforte de Lemos), enmarcadas cos escudos das catro provincias galegas e referencias agrícolas e gandeiras.

Adif culminou recentemente a restauración do mural, atendendo unha solicitude da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). Así, durante meses traballouse na recuperación das cores orixinais e a eliminación dos efectos do po, o fume, o paso do tempo e os vernices aplicados no seu día.

Traballo desde a Alcaldía

Os traballos acometidos para recuperar a pintura son o resultado das xestións realizadas polo alcalde, quen, neste sentido, destacou a implicación do presidente da Comisión de Transportes do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro, e agradeceu a súa colaboración para facer realidade esta iniciativa, “que preserva o legado histórico e cultural que temos en Monforte, e que contribúe a recoñecer e a proxectar a importancia do noso concello como nó ferroviario”.

Esta actuación complementa o proceso de renovación da Estación e dos seus accesos que está acometendo o Goberno do Estado dentro do plan de modernización integral da liña Ourense- Monforte-Lugo cun investimento total de 550 millóns de euros xa mobilizados practicamente na súa totalidade.

De feito, no marco destes investimentos, o propio alcalde anunciou o pasado venres a licitación por 2.043.844,15 euros das obras para a mellora da accesibilidade na Estación, que contempla importantes actuacións tanto no Edificio de viaxeiros como na praza da Estación de Ferrocarril.

En concreto, o proxecto consistirá na redistribución de locais no edificio de viaxeiros, a renovación e reparación do vestíbulo, a rehabilitación das marquesiñas dos andéns, a modificación das pendentes nas plataformas, a restauración de Estación, a renovación de iluminación exterior e interior, e a organización e mellora integral da praza da Estación, que inclúe a glorieta Pablo Iglesias ata o linde coa rúa Calvo Sotelo, por unha solicitude expresa do Concello de Monforte.