Skip to main content
Monforte

O Centro do Viño de Monforte acollerá o Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo

Por 12 Xaneiro, 2024Febreiro 2nd, 2024Sin comentarios

O vindeiro 18 de xaneiro, o Centro do Viño de Monforte de Lemos acollerá o Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo, unha iniciativa organizada de forma conxunta entre a Deputación de Lugo e a CEL “para favorecer a actividade económica e a creación de emprego na nosa provincia”, segundo explicou José Tomé.

Este será “un foro no que contaremos con relatores de referencia para abordar o que xa se está facendo e os retos de futuro en tres ámbitos: infraestruturas, en canto á creación de polos industriais no rural, e no relativo a proxectos empresariais e o seu impacto demográfico”, sostivo Tomé.

“Os servizos públicos e o emprego son os dous factores esenciais para fixar poboación, para que a xente se quede a vivir no rural”, valorou José Tomé, para quen a creación de emprego pasa por “apoiar ao tecido produtivo que xa está implantado no territorio para que sexa máis forte, máis competitivo e máis produtivo, e, ao mesmo tempo, temos que ser capaces de atraer novas inversións empresariais e proxectos industriais”.

Modelo en Monforte

Neste sentido, sinalou que na Deputación de Lugo “levamos moito tempo traballando nesta liña de apoio aos sectores produtivos, o primario, no que somos unha auténtica potencia, e o do turismo, de calidade e sostible, que ten unha gran capacidade para xerar riqueza no rural”.

Un modelo que o tamén alcalde de Monforte aplica no seu Concello, onde o Goberno que encabeza conseguiu asentar proxectos industriais de primeiro nivel como o de Kern Pharma e o Centro de Ciberseguridade de Renfe, ademais de facer unha aposta “moi importante” polo polígono industrial.

O Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo servirá, explicou “para potenciar esta liña de traballo”, en colaboración coa CEL. “Xuntamos así esforzos entre o público e o privado para fomentar a actividade empresarial na nosa provincia, para atraer novos proxectos industriais que contribúan ao equilibrio territorial, a un crecemento sostible, e á creación de emprego de calidade, que fixe poboación no territorio”.

Pola súa banda, Jaime López, presidente da CEL, sinalou que “Monforte é o nó loxístico de Galicia” e nese sentido apuntou á vontade dos empresarios de colaborar co Concello monfortino no seu labor de “converter esta cidade nun polo de desenvolvemento industrial”. Falou así da necesidade de impulsar infraestruturas “da rede básica” como o Porto Seco, do que lamentou o seu estado de “abandono por parte de quen capitaliza ese proxecto”.