Skip to main content
Monforte

O alumnado do IES A Pinguela recibiu unha formación en RCP básica

José Palacios Aguilar, doutor, profesor na UDC, presidente de Banderas Azules de España e membro do seu Grupo de investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo, impartiu no IES A Pinguela unha conferencia baixo o nome de ‘RCP básica e utilización do desfibrilador: Técnicas sinxelas que salvan vidas’.

A actividade, destinada ao alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias e Humanidades e para os de 1º de ciclos formativos e no marco da planificación para o seguimento da certificación de calidade ‘Sello Vida Saludable’, contou tamén coa colaboración de María del Castillo.

Así, ámbolos dous profesionais alertaron de que medio millón de persoas falecen en Europa ó ano por parada cardiorrespiratoria, e calcúlase de que cando menos 100.000 se salvarían se os cidadáns estivésemos formados en técnicas sinxelas de resucitación cardiopulmonar e houbese máis desfibriladores para atención de urxencias.

Despois de lembrar os pasos a seguir en caso de alerta (recoñecemento precoz e pedir axuda, RCP precoz, desfibrilación precoz e coidados postrresucitación), fixo demostracións prácticas das manobras que se deben de realizar, prácticas co alumnado de RCP ao ritmo da Macarena e realizou unha demostración do sinxelo que é a utilización dun desfibrilador para que todos os presentes podan afrontar unha emerxencia con seguridade.

Finalmente, tamén ofreceu pautas que poden salvar vidas e coñecementos que todos os cidadáns deberían dominar polo ben dos nosos parentes, achegados e conveciños.