Skip to main content
Monforte

Monforte acolleu o Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou na inauguración do foro que a institución provincial organiza en Monforte de Lemos coa Confederación e Empresarios de Lugo (CEL) a necesidade dun plan industrial para a provincia e para o conxunto de Galicia, despois de 15 anos sen ningún proxecto da Xunta, “nin bo nin malo. Ningún”.

Este foro, celebrado co obxectivo de impulsar o desenvolvemento empresarial e o emprego, “a clave”, xunto aos servizos públicos, para fixar poboación no rural,  tivo lugar no Centro do Viño.

Nesta xornada, incidiuse en que esta nova iniciativa da Deputación en colaboración co Confederación de Empresarios busca “seguir aportando medidas que xeren riqueza para mellorar a vida das persoas, e que axuden a combater o despoboamento, un dos principais problemas que temos como país”.

Para iso, a xornada estruturouse en torno a tres eixos temáticos: as necesidades en materia de infraestruturas, cos enxeñeiros Manuel Barreiro, director da consultora TYLin Europa/Latam, e Silvia Pérez, consultora estratéxica de iPlan Mobilidad; a creación de polos industriais no ámbito rural, que conduciu Isabel Pardo de Vera, exSecretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España e expresidenta de ADIF; e o impacto demográfico dos proxectos industriais, dirixido por Óscar Gómez Barbero, recentemente nomeado novo Director Xeral de Negocios e Operacións de Renfe e exdirector xeral de LogiRAIL.

Segundo recalcou o presidente da Deputación e tamén alcalde de Monforte, as claves para frear a caída demográfica son os servizos públicos e o emprego. “Se non hai servizos públicos nin emprego, a xente marcha do rural e, se non hai xente, o territorio non é atractivo para as empresas. É un círculo negativo, que temos que romper”, manifestou no foro.

Neste sentido, José Tomé sinalou o compromiso do Concello e da Deputación: “traballamos cada día para achegar os servizos públicos aos veciños, e reivindicamos que a Administración autonómica teña ese mesmo compromiso no ámbito da súa competencia: que non deixe á xente sen médicos, sen mestres, sen escolas, sen atención aos maiores ou sen servizos sociais, como, por desgraza, está facendo”.

Potenciación de Monforte e de Lugo como provincia

José Tomé destacou que, nos case 9 anos que leva á fronte da entidade local, “convertemos Monforte nun polo de desenvolvemento empresarial da comarca da Ribeira Sacra. Tal e así, que empresas de referencia a nivel nacional se están interesando pola nosa cidade como unha boa oportunidade de negocio, as instalacións industriais quédanse pequenas, e xa estamos traballando para amplialas a máis do dobre da súa extensión para atender a demanda”.

A Deputación de Lugo, engadiu, “é hoxe un referente en políticas públicas en apoio do sector primario, -no que a provincia de Lugo é unha auténtica potencia-, con proxectos como a Granxa Gayoso Castro, onde contamos co primeiro centro público de recría de España e co primeiro centro de experimentación leiteiro de Galicia, no que investigan e fan prácticas os alumnos de Veterinaria e da Politécnica, do Campus Universitario de Lugo”.

Puxo tamén o acento na “aposta decidida” da institución provincial polo turismo, “de calidade e sostible”, pois “xera na actualidade o 11% do PIB e o 13% do emprego da provincia de Lugo, e que ten unha gran capacidade para crear riqueza no rural”.

En canto ao Goberno do Estado, José Tomé asegurou que ten en marcha moi diversas medidas, “nomeadamente cos fondos que conseguiu da Unión Europea”, poñendo como exemplo que vén de conceder preto de 5 millóns de euros en incentivos rexionais para impulsar 6 proxectos industriais na provincia, entre eles, o da farmacéutica Kern Pharma en Monforte. Estas axudas mobilizarán, en total, un investimento de máis de 54 millóns de euros, e permitirán crear 175 novos empregos e manter practicamente 1.000 postos de traballo. Todas estas medidas, “reais”, subliñou, “demostran que non é unha utopía industrializar o noso rural. Hai materia prima e capital humano, mozos e mozas ben formados que só esperan por oportunidades para poder desenvolver o seu proxecto vital. Ademais, o apoio das administracións pode ser ese primeiro motivo que anime ás empresas a interesarse en lugares do territorio que, a priori, non serían os primeiros nos que pensarían”.

Plan de Industrialización e o Porto Seco

Como presidente da Deputación de Lugo, lembrou, leva reclamando á Xunta de Galicia un plan de industrialización para a provincia e para toda Galicia, “que a Xunta segue sen impulsar, a pesar de ter as competencias para facelo”; e, como rexedor de Monforte, “é moi decepcionante ver como o Goberno galego reserva cada ano nos Orzamentos unha partida simbólica para o Porto Seco, que nunca executa, coartando así as posibilidades de crecemento do noso Concello e da comarca”.

O mandatario provincial mostrouse convencido de que “se abrirá un novo horizonte, no que os concellos, a Deputación, a Administración autonómica e o Goberno de España colaboraremos e sumaremos esforzos co tecido empresarial para xerar emprego no rural, que é unha das mellores formas de garantir o equilibrio territorial en Galicia e de loitar contra o reto demográfico”.

No Foro para Impulsar o Desenvolvemento Empresarial da Provincia de Lugo participaron medio cento e empresarios e representantes de organizacións empresarias da provincia e do resto de Galicia, entre eles, Magnsitas, Cafés Candelas, Transportes Valín, Subministros Megaro Foods, Naturleite e Farmadismo, e os presidentes da CEL, da Asociación Provincial de Instaladores Electricistas, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería da Provincia (APEHL), entre outros.