Skip to main content
Láncara

Láncara acolleu unha conferencia de José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España

Por 22 Xaneiro, 2024Xaneiro 23rd, 2024Sin comentarios

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo reuniu en Láncara a unha trintena de empresarios lucenses para escoitar a José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España e un dos artífices do cambio de modelo ou “refundación” do sistema cameral no país.

Bonet declarou con firmeza que “Lugo necesita unha Cámara de Comercio” e pediu á “Administración tutelante un paso á fronte” para garantir o seu funcionamento. “Non podemos privar aos empresarios lucenses de apoios como os que xestionan as Cámaras de Comercio”, sostivo.

O encontro empresarial contou tamén con intervencións do alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; Pablo Junceda, director xeral do Sabadell Gallego ou María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, Industria e Innovación, que clausurou un evento ao que ademais de empresarios da provincia, asistiron o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Vieites; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; ou a presidenta do Consello Superior de Cámaras de Galicia, María Pais, entre outros.

Desenvolvemento da conferencia

José Luis Bonet impartiu a conferencia “IMPACTO das Cámaras de Comercio no desenvolvemento social e económico do territorio. A refundación do sistema cameral”, na que realizou un repaso pola historia dos entes camerais españois, desde a súa posta en marcha en 1886 á súa consolidación como instrumento de apoio ás empresas durante a Transición.

Subliñou o carácter estratéxico das Cámaras na súa función de “defensa institucional” do sistema constitucional en España, o marco que propiciou  a gran “transformación” de país e que ilustrou con datos como a subida do PIB per cápita, o incremento de número de traballadores ocupados ou a evolución do peso das exportacións sobre o PIB.

Pola súa parte, Jaime López, presidente da Cámara de Lugo e tamén secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, destacou que na provincia existen empresas moi descoñecidas fóra que fan “grandes cousas” e exportan a decenas de países “a pesar das dificultades inherentes a territorios como o noso”.

Así, reclamou un ente cameral para a provincia “a pleno rendemento” e non “en servizos mínimos” como se atopa nestes momentos, sendo para Lugo o que as Cámara significan noutros territorios “un instrumento práctico de impulso económico e social”.

Pola súa banda, Pablo Junceda, director xeral do Sabadell Gallego, lembrou na súa intervención que as Cámaras de Comercio de España son “unha eficaz ferramenta de apoio ao empresariado que sempre estiveron á altura das circunstancias; sendo o reflexo dunha España empresarial puxante, forte, comprometida e verdadeira insignia da mellor España polo mundo”.

Participación da Xunta

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou que a Xunta traballa por ofrecer ao tecido empresarial os servizos necesarios para o exercicio da súa actividade, nun momento en que o principal obstáculo está nos custos derivados da factura enerxética e os de implantación á hora de poñer en marcha un novo proxecto.

“Todos os que estamos aquí, as Cámaras de Comercio, as asociacións empresariais e as administracións temos un obxectivo común: apoiar e colaborar coa empresa, ofrecerlle servizos de apoio e facilitar que se poida seguir desenvolvendo na nosa Comunidade”, explicou Lorenzana.

Durante a súa intervención, Lorenzana subliñou que a prioridade da política económica do Goberno galego está sendo, por un lado, a de desburocratizar, reducir prazos e garantir a seguridade xurídica; e, por outro, axudar a reducir a factura eléctrica apostando polas renovables, facilitar o acceso a solo industrial, e o acceso a financiamento e préstamos con condicións máis vantaxosas que unha entidade de crédito.

Ao respecto, apuntou que a Oficina Económica de Galicia funciona como unha xanela única onde, cando unha empresa presenta un plan de negocio, se lle dá resposta en 24 horas. E, no prazo de sete días, un plan específico e individualizado coa posibilidade de chegar a reducir os custos de tramitación nun 50 %. Na mesma liña, mencionou a posta en marcha dun plan autonómico de aceleración de proxectos industriais para que a súa execución poida iniciarse no prazo dun ano.

No relativo á política enerxética, resaltou que a Lei de aproveitamento dos recursos Naturais e a sociedade Recursos Naturais de Galicia teñen entre os seus obxectivos, vincular o desenvolvemento industrial na comunidade ao despregamento das renovables, de modo que o tecido empresarial consigue acceso a un prezo eléctrico máis competitivo do que tamén se van beneficiar os fogares que están na súa área de influencia.