Skip to main content
Vilalba

O Concello de Vilalba abre un proceso para regularizar os recibos do lixo na zona rural

Por 2 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba abre ata o próximo 31 de xaneiro de 2024 un período voluntario para que os propietarios de inmobles no rural que non pagan o recibo do lixo regularicen a súa situación.

Tras os labores inspectores realizados polos servizos municipais, detectáronse inmobles que non constan no padrón fiscal de recollida de lixo no rural e que, por tanto, non se atopan ao corrente do pago da taxa obrigatoria por prestación do servizo de recollida do lixo.

En consecuencia, establécese a citada moratoria de regularización libre e voluntaria ata o 31 de xaneiro para que os afectados procedan á regularización da súa situación, mediante a alta voluntaria no padrón dos inmobles, incluídas as vivendas non habitadas e os locais sen actividade.

As persoas propietarias que utilicen esta regularización pagarán a taxa correspondente ao presente ano 2024. No caso de que non subsanen a súa situación no prazo establecido, procederase á súa alta de oficio e o concello poderá cobrarlle as cotas dos últimos catro anos con carácter retroactivo, así como os intereses de demora.

Para proceder a esta regularización voluntaria será necesario presentar cumprimentado o modelo de solicitude dispoñible na páxina web e na sede electrónica do Concello, xunto coa documentación que se indica no mesmo, de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello ou ben telematicamente, no rexistro electrónico.

O Concello de Vilalba considera que é unha cuestión de xustiza tributaria, xa que non é de recibo que uns veciños e veciñas estean a costear a recollida do lixo cos seus impostos, mentres outros que tamén se benefician deste servizo, non pagan por el.