Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba acusa ao Goberno local de mala xestión por poñer en risco unha axuda

Por 16 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP sinala que “a mala xestión do goberno local de PSOE e Vilalba Aberta” pon en risco “a subvención para a mellora do camiño do Cotarón; xa que a obra non se rematou en prazo”. Ademais dos prexuízos para os veciños pola tardanza no remate das obras, “a incompetencia do goberno local pode supoñer que “o diñeiro para pagar a obra teña que saír das arcas municipais, é dicir, do peto de tódolos vilalbeses”.

A portavoz, Sandra López, explica que “a Xunta tiña concedido ao Concello de Vilalba polo Fondo de Compensación Ambiental algo máis de 193.000 euros, o que lle corresponde por ter 129 eólicos implantados no noso termo municipal”.

O goberno local propuxo actuar no camiño do Cotarón, pero non se volveu preocupar en cumprir co prazo de remate das obras establecido para o 31 de outubro de 2023 segundo as bases publicadas no DOG do 27 de xaneiro do 2023. É dicir, “sabían con tempo de sobra cando tiñan que estar feitas”. E, a pesar de que a Xunta, tendendo a man aos Concellos, ampliou posteriormente o prazo ata o 17 de novembro, tampouco aproveitaron esa marxe”.

Sandra López sinala que “igual que os particulares temos que cumprir cos requisitos para cobrar subvencións, o Concello tamén ten que cumprilos”. Pero “preferiron deixar pasar as oportunidades para ter argumentos cos que dicir que a Xunta non inviste en Vilalba, cando todo o mundo coñece as inversións do Goberno galego no noso concello. Dicir o contrario é intentar tratar de parvos aos vilalbeses”.

Os populares piden “que o goberno local se centre en facer o seu traballo e non en facer oposición ao goberno doutra administración”.

Os populares pregúntanse “que opina Vilalba Aberta de dirixir ao casco urbano o canon eólico tendo en conta que dende a oposición reivindicaba investir ese diñeiro no rural de Vilalba”.