Skip to main content
BarallaViveiroXermade

Investirán na mellora da vía de Viveiro a Cabreiros e no enlace de Baralla coa A-6

Por 19 Xaneiro, 2024Xaneiro 20th, 2024Sin comentarios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello acordou na súa reunión semanal destinar 17,3 millóns de euros a realizar melloras en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo: na LU-710 e na LU-540. “Trátase de dúas infraestruturas prioritarias polo seu papel na vertebración territorial” do interior da comunidade galega, segundo salientou o titular do Goberno autonómico.

Tal e como explicou Rueda, o obxectivo destas actuacións é “mellorar a seguridade viaria” nestas estradas e que permitan “dinamizar as zonas polas que discorren”.

Entre as actuacións prioritarias está o acondicionamento da estrada LU-710 que conecta a N-VI coa A-6 no concello de Baralla. As actuacións consistirán na mellora e ancheado de 4,5 quilómetros e as obras licitaranse nas vindeiras semanas. Suporá un investimento de 2,3 millóns de euros.

Ademais, aumentarase a capacidade e a seguridade da estrada LU-540 que une Viveiro e Cabreiros, a través dunha actuación que suporá un investimento de 15 millóns. “O obxectivo é mellorar a conexión da Mariña coa cidade de Lugo, enlazando a autovía Ferrol-Vilalba”, explicou Rueda.

As obras incluirán actuacións en 35 quilómetros desta vía que se caracteriza por ter moitos treitos con prohibición de adiantamento e curvas de radio reducido. Búscase mellorar a seguridade e reducir os tempos de viaxe.

Para iso vanse habilitar terceiros carrís, reforzarase a seguridade nas interseccións e mellorarase o trazado. O proxecto xa foi sometido a información pública como paso previo para licitar a primeira fase das obras, na contorna de Landrove, cun investimento de 7,8 M€.