Skip to main content
Cultura AMARIÑAXATrabada

Rubén García: “Estamos para solucionar os problemas sempre e cando se poida”

Por 10 Febreiro, 2024Febreiro 11th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Rubén García é o novo alcalde de Trabada trala marcha de Mayra García como número tres nas listas do PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia.

Como empezou na vida política?

Pois comecei con Mayra, a anterior rexedora de Trabada no ano 2015 por unha chamada súa, a cal quero agradecer porque ao final atopei un mundo que me gusta, o mundo da política, e sobre todo o mundo da política local.

Por que di a política local?

Quizais é porque Trabada é un municipio pequeno, pois se te vas a outro concello máis grande a proximidade coa xente e o poder axudarlles nos seus problemas diarios, que é o realmente importante, iso pérdese.

Vostede é de Trabada?

Si, son natural de Trabada pero nos meus anos mozos tiven que saír por motivos deportivos así como por motivos laborais, pero sempre tiven claro que quería volver para Trabada. E así foi, en canto se deu a opción de coller o primeiro negocio, asenteime aquí coa miña familia.

“O principal punto é seguir na liña de Mayra, con ese equipo que iniciamos fai nove anos, seguir apostando polo servizos públicos e polos coidados da xente“

Os seus estudos servíronlle para preparase ata o de agora?

Pois cando era máis novo estiven nas categorías inferiores do Pescados Ruben Burela, e aí puiden despuntar no mundo do fútbol sala. Aí chegou un momento no que digamos que era profesional ou semiprofesional e dedicaba a miña vida plenamente ao fútbol sala. Despois tiven varias experiencias no estranxeiro, o cal unha vez rematado o instituto pois si que tiven que aparcar o mundo académico. Estiven en Inglaterra, todo a raíz do fútbol sala, e despois empecei a compatibilizar o mundo laboral tamén no sector da alimentación. Xa máis tarde volvín para Trabada e logo foi cando se deu a opción de coller o supermercado local, co que volvo a incidir un pouco no de antes, que me gusta o contacto coa xente, o trato directo coas persoas.

Entón é concelleiro dende o 2015.

Si. Os meus inicios son no 2015, cunha chamada de Mayra para ir na lista das eleccións municipais, e aí xa empecei de concelleiro de Deportes e Saúde con ela ata agora. Case nove anos ao pé do canón e apostando por Trabada.

Como foi o seu traballo de concelleiro?

Desde o primeiro día foi un traballo continuo e diario e a adaptación foi boa. Estou moi contento por iso, porque realmente me gusta, e é un mundo que me gusta, que me ilusiona. O que máis destaco é a proximidade cos veciños, intentar solucionar os seus problemas con todo o que estea na miña man. En definitiva, para iso estamos os políticos a nivel local, sobre todo para solucionar os problemas da veciñanza sempre e cando se poida.

Aquí vívese moi ben…

Eu creo que a xente das grandes capitais empezan a darse conta agora despois da pandemia e que no rural non se vive tan mal. Si é certo que tes que tirar máis do coche para desprazarte, pero o que é calidade de vida, ou o que digo eu sempre, poder respirar aire puro, o ritmo de vida, o non ter sinal de estrés. Iso vale moito.

Esperaba esta elección de alcalde?

A verdade é que non. Unha vez saíu Besteiro como candidato á Xunta de Galicia, si que se valoraba a posibilidade de que Mayra fose nas listas, e é certo que ata que se fixo público eses días non había nada seguro. A balanza decantouse por min, pois a miña compañeira Julia, que era a primeira tenente alcalde traballa de profesora e esta pendente de que a chamen tanto de Galicia como de Asturias polo tanto pola súa profesión, digamos que non seria tan fácil a total dedicación como no meu caso que xa estou asentado aquí laboralmente.

Colleu o bastón de mando con ilusión?

Asumino con moita responsabilidade, con moitas ganas e con moita ilusión.

E a reacción dos veciños?

Polo momento estou recibindo moitas mostras de cariño e moitas felicitacións. Eu estou moi contento e moi agradecido por estes xestos dos veciños.

É Mayra un referente político?

Por suposto. Sempre o digo xa que ela me introduciu na política, pois ao principio non me interesaba moito pero por descoñecemento, e desde que estiven traballando con ela aprendín moito sobre as relacións veciñais e a interesarse pola vila.

Ten xa un proxecto na mente para estes anos como alcalde?

É certo que teño algunhas cousas en mente pero non están definidas de todo. O que si está claro é por onde quero ir. O principal punto é seguir na liña de Mayra con ese equipo que iniciamos hai nove anos e seguir con ese proxecto de apostar polo servizos públicos, de apostar por esa política útil que lle afecta no día a día aos veciños, que realmente lles solucione os seus problemas diarios, seguir apostando polos coidados da xente, coidados dos maiores, programas de conciliación, etc. E por suposto seguir mellorando as infraestruturas, vías e camiños municipais. Por exemplo, que as familias do noso concello se poidan beneficiar de eses programas de conciliación, Madrugadores, Ludiseráns, campamentos de verán, de Nadal, etc. pero que tamén as familias de fóra do municipio que estean vinculadas de algunha maneira e que queiran facer un cambio de vida e estean buscando un modo de vida máis tranquilo, que vexan que aquí tamén hai unha opción moi positiva na cal poder crear, apostar e asentar as súas familias. Que saiban que van a ter os mesmos servizos ou máis que en grandes cidades.

Entón, apostar polos servizos básicos ao 100 %.

Si, é un pouco o piar básico do que son os servizos públicos centrados realmente nos veciños. Tamén seguiremos mellorando os locais sociais que teñen todas as parroquias pois son os lugares onde a veciñanza fai reunións e actividades. Apostar polo coidado da xente, por exemplo contamos con programas de terapia ocupacional en todas as parroquias, malia que haxa 2, 5 ou 20 usuarios en diferentes parroquias, pois todos os veciños teñen o mesmo teñen o mesmo dereito a gozar deses servizos. Por outra banda, dicir que contamos cunha furgoneta a demanda a cal os veciños, tanto xubilados como con mobilidade reducida, poden solicitar para achegarse ata o núcleo de Trabada a facer as súas xestións como ir ao Concello, á farmacia ou o caixeiro. Tan só teñen que chamar e reservar e é totalmente gratuíto.

Como cre que será a colaboración da oposición?

rigorosidade, que é algo que lles vou pedir dende o primeiro día porque é certo que estes últimos anos, eu considero que non o houbo, sobre todo de cara a Mayra.