Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada quere seguir mellorando a casa consistorial

Por 20 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Trabada quere seguir mellorando a casa consistorial, para o que vén de solicitar unha nova subvención.

Trátase en concreto dunha convocatoria da Vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Deporte e Xustiza da Xunta, en concorrencia competitiva dentro do Fondo de Compensación ambiental.

“A necesidade da intervención xustifícase na mellora da eficiencia enerxética do edificio municipal, intervindo na envolvente do mesmo coa renovación das carpinterías con acristalamentos de boas características térmicas”, explica o alcalde, Rubén García.

A actuación implicaría a colocación de carpintería exterior de madeira de iroko en portas e fiestras. Nas fiestras colocarase verteaugas no perfil inferior, con soporte de aluminio anodizado e revestimento exterior de madeira.

“Con esta obra poderíamos renovar totalmente o exterior do edificio do concello, tras as obras que xa se realizaron para o cambio da cuberta e o pintado de toda a fachada”, afirma o alcalde.

Desta forma, engade Rubén García, “continuamos coa mellora dos edificios e locais públicos do Concello de Trabada”.