Skip to main content
O Vicedo

‘Alternativas do Rural’ de Nordés Faladora celebrarase esta fin de semana

Por 22 Febreiro, 2024Febreiro 23rd, 2024Sin comentarios

A nova edición de Alternativas do Rural de Nordés Faladora, que se celebrara esta fin de semana do 24 e 25 de febreiro, centrarase nas persoas que desenvolven actividades artísticas na súa contorna. Para compartir o seu xeito de mirar a realidade que habitan, dos seus fins, dos factores que condicionan a vida que elixiron e porque todo isto deu forma ao seu sustento actual.

A través dunha pequena mostra dos seus traballos, ben a modo de exposición ou proxección, queremos mirar as artes feitas desde o territorio para que outras persoas poidan imaxinar, de xeito crítico, que existen diferentes modos de vida.

“O espazo das Terras da Faladora é unha realidade complexa, onde as persoas teñen diferentes xeitos de vida e modos de relacionarse co territorio que habitan”, din desde o colectivo.

“Neste 2024 centrarémonos nas persoas que desenvolven actividades artísticas na nosa contorna, falaremos das posibilidades laborais e vitais desde o rural e dos factores que condicionan a vida que elixiron”, engaden. Tamén haberá un espazo para poder coñecer os seus traballos, cunha pequena exposición.

Así, o sábado 24 de febreiro (desde ás 16.30 ata as 19.00 horas) empregarán o formato faladoiro aberto a todo o mundo para coñecer a ollada de Xulio Villarino, fotógrafo, Leila de Artexxanas , artesá, Cristian F. Caruncho, debuxante e ilustrador, e Clotilde Lemoine, conservadora e restauradora de bens culturais. Empregarán o espazo recén reinagurado do Abeiro do Sor en Mañón.

E durante a mañá do domingo, 25 de febreiro, de 11.00 a 14.00 horas, coñeceremos de primeira man o proxecto de Leila. No seu local de Ortigueira, chamado Artemanía, asistiremos a un breve obradoiro cerámico onde realizaremos unha peza de xeso cuns relevos botánicos. O obradoiro necesita inscrición previa porque as prazas están limitadas e ten un custe: de 10 euros para persoas xa asociadas a Nordés neste 2024; e de 20 para aquelas que non o están.

Para máis información, dúbidas e inscrición necesaria para o domingo 25 no teléfono 653 756 454 ou en asociacion.nordes@gmail.com.