Skip to main content
Viveiro

Viveiro presenta o programa do Entroido, que comeza o xoves

Por 3 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro anuncia a programación do Entroido 2024, cunha oferta de actividades para todas as idades. A alcaldesa, María Loureiro, espera que tanto “os veciños e veciñas de Viveiro, como quen nos visita nestas datas, gocen dun programa de Entroido cheo de actividades, co que mantemos e enxalzamos esta festa popular, involucrando a toda a cidadanía”.

“Un ano máis agradecemos a todas as entidades locais, cuxa colaboración fai posible que celebremos un gran Entroido en Viveiro. Este ano o programa conta con opcións para todas as idades, que percorren ademais distintos puntos da nosa vila”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

O programa comezará o xoves 8 de febreiro, co Juepeo especial de Comadres, mentres que o venres 9 celebrarase o entroido escolar, A mañanciña, polas rúas de Viveiro, Covas e Celeiro.

Na fin de semana, o sábado 10 celebrarase a Troula de Entroido, a cargo do grupo Espera que vou mexar, dende as 12.30; mentres que ás 20.30 a Charanga da Carmiña amenizará cun pasarrúas as rúas de Covas. O certame de Alpuxarradas comezará o sábado ás 20.30, presentado por Isabel Risco e cuxas entradas poderán reservarse por 2 euros no teléfono 982 560 162 ou no e-mail rbg.cultura@viveiro.es. A xornada do sábado pecharase cun novo pasarrúas da Charanga da Carmiña dende ás 22.30 polo centro da vila.

O domingo 11 e o luns 12, celebraranse obradoiros infantís de entroido “Imos facer a parrochiña”, para a infancia. Os obradoiros ata 6 anos serán de 11.00 a 12.00, e para a rapazada de máis de 6 anos de 12.30 a 13.30, na sala multiusos do Concello de Viveiro, con inscricións gratuítas ata completar aforo no 654 208 333.

Na xornada do domingo 11, ás 17.30 haberá inchables para a rapazada Saltando-ando, de balde nos Xardíns de Noriega Varela. A rapazada tamén será a protagonista o luns 12 coa festa de infantil, Enredos de Entroido, dende ás 17.30 na Praza Maior de Viveiro.

Premios do Gran Desfile de Entroido

O martes 13 de febreiro haberá a Discotroula de Entroido, na Praza Maior de 13.30 a 15.30 e de 17.00 a 21.00. Ese mesmo día haberá un Gran Desfile de Entroido, con saída ás 17.30 dende a explanada da variante (avenida de Ferrol), con final na Praza Maior.

O Concello de Viveiro convoca así os premios do Gran Desfile de Entroido 2024, con categoría de adultos e infantil. No caso da categoría de adultos, haberá catro premios por modalidade: carrozas, grupos, comparsas, parellas e individual; ademais dun premio especial ao humor e á orixinalidade. Na categoría infantil inclúense a modalidade individual, parellas e grupos.

En total, o Concello repartirá máis de 5.000 euros en premios en metálico, ademais, haberá unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros para as carrozas participantes no desfile.

O mércores 14 de febreiro será o Enterro da Sardiña, cunha recepción de autoridades no antigo Concello e descubrimento da placa conmemorativa. Ese mesmo día será o “Enterro da Parrocha” infantil dende ás 18.30 con saída dende o final da rúa Pastor Díaz con final na Praza Maior. A rapazada participante gozarán de chocolate con churros antes da saída. O Enterro da Sardiña será ás 21.00, con saída dende a praciña da Herba e final na Praza Maior, amenizada pola charanga Santa Compaña e cun reparto de bolos preñados e viño.