Skip to main content
CervantesComarca LUGOXANavia de Suarna

Patrimonio dos Ancares localizou varios bens arqueolóxicos na montaña lucense

Por 28 Febreiro, 2024Sin comentarios

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de comunicar á Xunta de Galicia a localización de varios bens arqueolóxicos na comarca para que procedan á súa catalogación.

En Robledo de Son, no Concello de Navia de Suarna, informaron da existencia dun castro que, a pesar de conservar o topónimo e de figurar nalgunha cartografía, non aparece recollido nos visores patrimoniais da Xunta de Galicia (Plan Básico Autonómico e Aproveitamentos Forestais). Situado a 650 metros de altitude, ten unhas medidas totais aproximadas de 100 por 90 metros, cunha croa na parte sur de 45 por 30 metros. Aínda que o sitio recibe o nome de Os Castros, en plural, só puidemos localizar un asentamento claro. O outro, segundo referencias orais, estaría a uns 350 metros do anterior, nun pequeno outeiro rochoso sobre o rego do Minguelo, tributario do río Navia, ao que non nos foi posible acceder debido á ausencia de camiños á vista, posiblemente tapados, se os hai, pola mestísima maleza.

En San Miguel, na parroquia de Vilarello, concello de Cervantes, comunicamos a existencia dun probable asentamento de época romana no monte coñecido como Alto da Coroa, situado a 1.035 metros de altitude. Non figura recollido nos visores patrimoniais da Xunta de Galicia nin no PXOM do Concello de Cervantes. Debido aos labores agrícolas e logo polo acondicionamento do terreo para a instalación de torretas de alta tensión, perdeu a súa configuración orixinal, pero si se aprecia claramente nas fotos do voo americano dos anos 1956-57. De forma tirando a rectangular, tiña unhas medidas aproximadas de 125 por 65 metros e estaba delimitado por unha muralla. Hai anos apareceron, ao menos, dous muíños circulares de man e anacos de vasillas cerámicas. Cremos que estaría relacionado coas numerosas explotacións mineiras existentes nas inmediacións e a Vía Romana XIX. A un par de quilómetros en liña recta tamén se atopa o campamento temporal romano da Cortiña dos Mouros.

Tamén no concello de Cervantes localizamos uns petroglifos. Foi no monte da Reboleira, na parroquia de Castelo. Trátase de tres penas de lousa cun total de cinco coviñas de distintos tamaños. Ao non estar asociadas a outros motivos, non nos atrevemos a aventurar unha cronoloxía aproximada.