Skip to main content
Cervantes

Cervantes acolleu a ‘Xornada de control da vespa velutina’ da Deputación de Lugo

Por 10 Febreiro, 2024Sin comentarios

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, inaugurou a Xornada de control da vespa velutina: prevención, trampeo, medidas protectoras e retirada, que tivo lugar no Edificio de Servizos Múltiples de Cervantes.

Esta cita serviu para abrir a nova programa de actividades gratuítas de formación e lecer que pon en marcha a Deputación de Lugo na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para o primeiro trimestre do ano.

“O incremento da vespa velutina provoca unha gran inquedanza entre a poboación. Representa un risco para a saúde polo impacto dunha picadura, que pode ocasionar vítimas mortais, como xa ocorreu”, explicou o deputado, que sinalou ademais que a praga “dana o noso ecosistema e tamén o noso tecido produtivo, sobre todo ao sector primario, que é absolutamente fundamental para a provincia de Lugo”.

Así, lembrou que a Deputación de Lugo reclamou en varias ocasións á Xunta, a Administración que ten as competencias, “a necesidade de poñer en marcha un plan integral de loita contra a velutina” e a convocatoria dunha liña de axudas para compensar aos apicultores e a outros produtores do sector primario prexudicados.