Skip to main content
Lugo

Lugo convértese en capital mundial do futbolín co torneo Maestros del Norte

Por 3 Febreiro, 2024Sin comentarios

O tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto á concelleira de Participación, Cristina López, e o concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, asistiron á terceira edición do torneo Maestros del Norte, que se celebra esta fin de semana no soto da praza de Abastos. A concelleira de Participación, Cristina López, afirmou que coa cita búscase “repetir o éxito do torneo celebrado no verán, ao mesmo tempo que continuamos a aumentar a oferta de actividades na Praza e do Mercado, achegando unha nova oferta de ocio”.

O torneo achega a Lugo a un gran número de xogadores de futbolín, xa que se trata dun dos torneos máis importantes a nivel estatal, e que este ano, como novidade, será puntuable para o circuíto mundial da ITSF, “convertendo a Lugo na capital mundial do futbolín”, afirmou Cristina López. A Asociación Lucense de Futbolín foi creada en 2018 co fin de promover e dar visibilidade a este deporte, fomentando a práctica do xogo inventado por Alexandre de Fisterra.

A ITSF (Federación Internacional de Futbolín), é a responsable de regular as normas deste xogo a nivel internacional. O torneo Maestros del Norte formará parte da categoría ITSF 250, a mesma que o Master de Rábade ou as Swiss Tablesoccer Series celebradas a pasada semana en Rothemburg, Suiza.